O 28 de xaneiro comeza a reforma do bancada de Gol
O rexedor relatou en rolda de prensa que "o 27 de xaneiro firmaremos o contrato dos labores de coordinación de seguridade e saúde da obra”, o que permite comezar a reforma.
A reforma da nova bancada de Gol do estadio de Balaídos dará comezo o vindeiro martes 28 de xaneiro, tras a formalización do “contrato dos labores de coordinación de seguridade e saúde da obra” o día anterior, como apuntou Caballero. O investimento nesta grada elévase ata os 24.821.940€ e contará cun prazo estimado de finalización de 23 meses, “o que significará unha reducción moi importante con respecto ao tempo que levou a realización de Marcador Centenario” .
O terreo de xogo situarase a tan só 8,5 metros, en paralelo á liña de fondo, para que os espectadores teñan unha visión despexada e completa, sendo practicamente unha réplica de Marcador Centenario e logrando unha imaxe uniforme do estadio. Contará cun incremento de aforo, pasando dos aproximadamente 4.000 espectadores actuais ata os 6.400 espectadores, que terán as mesmas butacas que no resto do estadio.
Proxéctanse 6 escaleiras de amplas dimensións e 8 ascensores que facilitarán a mobilidade de forma notable, dando servizo tamén ás bancadas de Río e Tribuna, xerando un anel perimetral de bancadas conectadas, entre os diferentes niveis. O proxecto tamén contempla un tanque de almacenamento de augas pluviais para a súa reutilización co rego do céspede.
Caballero destacou que se creará, un novo espazo aporticado de máis de 500 metros de lonxitude, enlazando o anel de soportais de Gol e Marcador entre si, creando un novo espazo público cuberto, o que implicará a intervención sobre a fachada xa reformada de Tribuna. Finalmente incidiu en que “tamén teremos finalizada a humanización da contorna e un estadio arquitectonicamente único no mundo” e cunha “beleza sen igual”.