Escoitar

O goberno local programa escalada e multiaventura o sábado na Praza da Independencia

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou este luns as actividades organizadas para o próximo sábado, 17 de marzo, na Praza da Independencia, que acollerá catro recintos distintos para reproducir a dinámica do "Vigo Camiño a Camiño". O Concello disporá monitores para a zona de escalada -con tres rocódromos-, outra de contidos medioambientais e xogos de habilidade, un área expositiva e artística e nunha última adicada aos nenos e nenas de 3 a 7 anos.

luns, 12 mar 2012
1331556994chus.jpg
Chus Lago explicou que a zona de escalada -denominada Serra do Galiñeiro- contará con tres rocódromos, un deles para menores de 8 anos, ademais dun boulder (escalada horizontal) de 16 metros enfocado á aprendizaxe da técnica da escalada.

Zamáns, como denominouse á área de contidos medioambientais e xogos de habilidade, representará a zona de interpretación medioambiental con actividades nas que se abordará a conservación da biodiversidade, entre outras. O terceiro espazo amosará unha exposición de fotografías dos catro anos de traxectoria do programa "Vigo Camiño a Camiño" e xerará un gran mural colectivo coas aportacións artísticas dos que queiran participar. Na zona infantil, ou Monte do Castro, crearase un hábitat específico para os máis pequenos e poderán realizar a súa medida as actividades previstas para os maiores.

Camiño a Camiño
A concelleira de Medioambiente tamén adiantou a programación para o segundo trimestre deste ano, dirixido a nenos, mozos e adultos. Para o público de entre 8 e 14 anos, o goberno local preparou actividades de iniciación á aventura medioambiental.

Unha primeira experiencia terá lugar en Zamáns os sábados 24 e 31 de marzo pola tarde. Previa inscrición no 010 durante a semana previa, os participantes experimentarán nunha tarde a riqueza medioambiental do entorno do encoro de Zamáns e terán que superar distintas probas de aventura como rocódromo, tirolina, carreiras de orientación, etc. A partir de Semana Santa, esta actividade se desenvolverá de xeito estable en Vigozoo.

Dende esta mesma semana, 15 centros educativos próximos ás zonas húmidas de Vigo (O Vao, Muiños-Goberna e Barreiros) están participando en visitas guiadas ás zonas recuperadas pola Concellería de Medio Ambiente, para así coñecer in situ a riqueza en termos de biodiversidade destes espazos emblemáticos medioambientalmente falando. O primeiro centro que participou foi o CEIP de Balaidos, que visitou as zonas húmidas de Muiños-Goberna.

Para os maiores, voluntariado medioambiental nas Cíes
Para este 2012 está previsto profundar na liña de voluntariado medioambiental iniciada o ano anterior. Con tal motivo, está previsto realizar diversas accións de capacitación de persoas voluntarias e de execución de proxectos específicos.

Os vindeiros sábados 17 e 24 de marzo terán lugar os primeiros cursos de iniciación ao voluntariado en Vigozoo. Nestes cursos abordarase os contidos propios de voluntariado xunto coas nocións básicas que teñen que contar estas persoas na súa acción voluntaria.

Nun primeiro momento esta acción voluntaria desenvolverase, en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, nas Illas Cíes. Así, está prevista unha primeira acción durante semana santa, onde 100 persoas voluntarias en dúas quendas realizarán labores de conservación con retirada de prantas invasoras (neste momento é axeitado dado que empezan a brotar) e limpeza dos areais.

Aproveitando a estadía na illa, terá lugar traballos de observación da flora e da fauna tanto en terra como no mar, estando previstas visitas a espazos de especial interese ecolóxico e a realización de observacións mariñas a través da práctica de snorkel e de kayak.
Estas actividades están previsto que se continúen no mes de maio e, igual que o ano pasado, durante todo o verán.

Rutas clásicas por Vigo e bisbarra e por Galicia
Durante a tempada 2012, o programa vai contar con rutas clásicas por Vigo e bisbarra. O sendeiro das Greas (GR-58), que se iniciou esta fin de semana pasada, será o seguinte reto a cumprir polos participantes de Camiño a Camiño durante o 2º trimestre, ata completar 6 das 12 etapas que conforman este espectacular e extenso roteiro (206 km) que discorre por todos os municipios da mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo.

No segundo trimestre está previsto, ademais de continuar co sendeiro das Greas, realizar un percorrido por todos os faros da ría de Vigo, tanto os existentes na península do Morrazo e nas Illas Cíes, como na cidade olívica. Precisamente estes últimos realizaranse en rutas nocturnas.

Como continuidade á experiencia da primavera de 2011 e dada a elevada demanda, vanse facer roteiros por espazos naturais senlleiros de Galicia e o Bierzo. Durante os meses de abril e maio está previsto realizar roteiros por Cabeza de Manzaneda (14-15 e 21-22 abril) e polas Médulas (12-13 e 19-20 maio). A información detallada destas actividades colgarase en breve na web e no blog.

Inscripción
Toda a información de Camiño a Camiño estará dispoñible na web da Concellería de Medio Ambiente, no blog de camiño a camiño (http://caminoacaminovigo.blogspot.com/) e no servizo de información ao cidadá 010. O proceso de inscrición terá lugar entre o luns e o xoves previo a cada actividade por vía do 010. Terán prioridade os cidadáns empadroados en Vigo.
Descargar todas as imaxes

Máis información