Escoitar

O pleno solicita ao Goberno máis recursos para a Lei de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero

A Corporación Municipal aprobou ,na sesión plenaria celebrada hoxe luns, unha moción pola que se insta ao Goberno a que dedique os recursos económicos necesarios para a execución efectiva da Lei de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero; tamén se aprobou o aumento de campañas de sensibilización contra esta lacra e a pór en servizo de contado os tres pisos de protección e para mulleres vítimas de violencia de xénero e a resolver de inmediato a alternativa á Casa de Acollida. O pleno adheriuse a campaña "Cóntao" do Concello de Vigo e asume o seu compromiso individual e colectivo fronte a violencia que se exerce sobre as mulleres.<br />

luns, 24 nov 2008
A xunta de portavoces do Concello de Vigo, co gallo do 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, presenta á consideración do Pleno da Corporación Municipal a seguinte moción:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A violencia contra as mulleres é unha violación dos dereitos humanos universais, que afecta a todas as clases sociais, é de todo intolerable e moi en particular nos estados de dereito que pertencemos á Unión Europea.
O maltrato ás mulleres vén de ser historicamente privado, minimizado e mesmo lexitimado. Aínda hoxe moitas mulleres ocultan as súas experiencias por temor a ser avergonzadas, culpabilizadas ou a sufrir represalias.
No que va de ano 57 mulleres veñen de ser asasinadas polos seus homes, ex-maridos, compañeiros ou ex-compañeiros sentimentais en España. Hai só uns días vivimos un dos últimos episodios preto de Vigo, cando un home acoitelou a súa ex-parella nunha área de servizo da AP9. Unha traxedia máis nunha longa conta de violencia contra as mulleres.
Celebramos o próximo 25 de novembro o Día Internacional contra a violencia de xénero, unha data para a reflexión, a sensibilización, a solidariedade e a reivindicación. Esta data, para todos os que cremos, en verdade, que mentres exista violencia contra a muller non lograremos progresos reais cara á igualdade, o desenvolvemento e a paz, é unha data na que estamos obrigados a elevar a nosa voz, a reclamar punto e final á violencia contra a muller.
Pero se a nosa voz, a voz de todos e todas, é importante, o apoio e respaldo das administracións públicas ás mulleres vítimas de violencia resulta imprescindible para seguir a percorrer o camiño que nos conduza a ese punto e final, dotándonos e desenvolvendo distintas ferramentas lexislativas.
A administración local, a que se atopa máis preto da cidadanía, a que coñece mellor a situación dos seus veciños e veciñas é clave na detección de situacións de violencia de xénero e máis na protección que lle debe ás vítimas e, por suposto, é preciso contar cun apoio e vontade social completos e sen fisuras: as normas deben emanar da sociedade, impregnar as persoas ás que van dirixidas e afondar e enraizar na súa memoria colectiva.

Por todo isto, a xunta de portavoces propón a adopción dos seguintes ACORDOS:

 Instar ao Goberno a que dedique os recursos económicos necesarios e imprescindibles para a execución efectiva da Lei de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, incrementando o número de policías dedicados exclusivamente á protección das mulleres vítimas da violencia de xénero, que recibirán a formación que precisen e manterán a comunicación directa e personalizada coas vítimas, e incrementando o número de Xulgados especializados na violencia de xénero, dotados dos medios materiais e humanos precisos para garantir o seu efectivo funcionamento.

 Instar á colaboración leal do Concello coa Xunta de Galicia para que, no marco das súas competencias, se aplique a Lei Galega para a Prevención e o Tratamento Integral contra a violencia de xénero e se poñan a disposición das mulleres en situación de violencia de xénero todos os recursos posíbeis, contribuíndo a implantar a rede integral de asistencia e apoio para o conxunto do país, a través das oficinas territorializadas de Igualdade, e nos concellos, creando fondos económicos dos orzamentos municipais para atender as mulleres en situación de violencia de xénero, creando os protocolos de actuación municipal para atender coordinadamente con todos os axentes sociais do concello, activando as redes de voluntariado, formando para realizar un voluntariado de apoio efectivo e acompañamento, e iniciando un servizo integral de acollida e atención especializado.

 Instar ao goberno municipal a incrementar as campañas de sensibilización contra esta lacra e a pór en servizo de contado os tres pisos de protección e para mulleres vítimas de violencia de xénero e a resolver de inmediato a alternativa á Casa de Acollida.

 Adherirse á finalidade da campaña "Cóntao" do Concello de Vigo e asumir o seu compromiso individual e colectivo fronte a violencia que se exerce sobre as mulleres aprobando o seguinte texto:

Decálogo de responsabilidade individual fronte a Violencia contra as Mulleres para aumentar o coñecemento e o deber cidadán de denunciar os casos de Violencia contra as mulleres:

 Eu comprométome a avisar á policía ou aos xulgados se coñezo un caso de Violencia contra as mulleres. A Violencia contra as Mulleres é un delito público e un atentado contra os Dereitos Humanos.

 Eu comprométome a non xulgar ás vítimas nin xustificar aos agresores. Todos os casos de violencia contra as mulleres son perigosos.

 Eu comprométome a esixir a intervención dos profesionais e da xustiza no problema de Violencia contra as Mulleres. O tempo non soluciona estes casos.

 Eu comprométome a atender e informar na medida das miñas posibilidades a mulleres vítimas de violencia.

 Eu comprométome a combater o silencio e a complicidade ante as agresións sufridas por mulleres. Debo alentar a quen coñece algún caso a que alerte á policía ou aos xulgados.

 Eu comprométome a contribuír á recuperación da dignidade e da normalidade das mulleres do meu contorno que teñan sufrido malos tratos para non perpetuar a súa condición de vítima.

 Eu comprométome a educar á infancia na igualdade e no respecto aos dereitos e liberdade fundamentais.

 Eu comprométome a promover unha relación de igualdade entre homes e mulleres. A Violencia contra as Mulleres é unha manifestación extrema da desigualdade.

 Eu comprométome a loitar contra a Violencia de Xénero dende un traballo comunitario e intercultural independentemente de que sexa home ou muller.

 Eu conto."


Vigo, 21 de novembro de 2008



A Concelleira do GM do Partido Popular A Concelleira do GM do PSdeG-PSOE A concelleira do GM do BNG
Lucía Molares Pérez Raquel Díaz Vázquez Iolanda Veloso Ríos