Escoitar

O "Vigo a Escena" leva o teatro a San Xoan de Poulo, A Miñoca e Cabral esta fin de semana

A programación de teatro "Vigo a Escena", organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo, chega o vindeiro sábado ás parroquias de Navia, San Xoan de Poulo e Castrelos. Así, o sábado terán lugar dúas representacións para adultos: Disque Danza intepretará en San Xoan de Poulo "E me deixo enlear" e Fulano, Mengano e Citano representará a obra "Arte" na Miñoca, mentres que o domingo Pablo Nojes e Páprika interpretará a obra para nenos "Runako e Ébere" en Cabral.

venres, 21 nov 2008
O sábado 22 de novembro representaranse dúas obras dirixidas ao público adulto. Así, Disque Danza interpretará a obra "E me deixo enlear", na asociación de Veciños "Agarimo" en San Xoan de Poulo, ás 20 horas. Baixo a dirección de Olga Cameselle, o elenco está integrado por Carmela Bueno, Olivia Maté, Leticia Alfaya e Lauren Atanes. Tamén o sábado, a obra "Arte" de Yasmina Reza, será interpretada pola compañía Fulano, Mengano e Citano no auditorio do Conservatorio de Música da Miñoca ás 21 horas. Manuel Botana, Manuel Pombal e Suso Pando interpretan a tres amigos que poñen en perigo a súa relación de amizade a causa das súas diferentes opinións sobre a arte.

Xa o domingo, 23 de novembro, Pablo Nojes e Páprika representarán "Runako e Ébere" no CCR de Cabral, ás 18 horas. Trátase dunha obra dirixida ao público infantil na que Carla Espósito e Pablo Nojes manipulan os bonecos. A historia acontece nunha aldea de África, pero podería suceder en calquera parte, e fala, en clave de humor, da amizade.