Escoitar

Santi Domínguez apoia a celebración de "Comercio na rúa" os vindeiros 28 e 29 de novembro nas Travesas

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio do Concello de Vigo, Santi Domínguez, expresou este venres o seu máis firme apoio ao pequeno e mediano comercio da cidade e as iniciativas que desenvolven. Así o subliñou o na presentación da programa "Comercio na rúa", organizado por AETRAVI, que terá lugar na rúa González Sierra os días 28 e 29 de novembro.

venres, 21 nov 2008
1227276828comerciotravesa.jpg
Santi Domínguez sinalou que diante da situación actual "que non é a mellor para os sectores económicos" a Concellería de Comercio "non pode esperar a que escampe", senón que considera que administracións deben "axudar aos sectores económicos do xeito "máis imaxinativo que nunca". Subliñou que é preciso "animar á poboación a que merque no pequeno e mediano comercio vigués porque iso supón apostar pola creación de emprego e por fornecer o tecido social".

"Iniciativas como esta son as que temos que apoiar para tratar de paliar a crise da mellor forma posible", dixo o tenente de alcalde, quen neste sentido expresou os seus parabéns a AETRAVI por organizar unhas xornadas, que se celebrarán o 28 e o 29 de novembro, que priman o pequeno e mediano comercio dun barrio como o das Travesas. "Estamos encantados de que as asociacións de comerciantes se movan e estamos encantados de acompañalas", indicou ao respecto.

Dende AETRAVI, pola súa banda, o vicepresidente Antonio Navarro e o tesoreuro Pablo Salvador, agradeceron a Santi Domínguez "o seu constante apoio ao comercio da cidade". Na súa intervención explicaron que na exposición, que estará ubicada na rúa González Sierra, participarán 22 expositores, entre os que haberá unha nutrida representación dos máis variados sectores, como ocio, cultura, moda, complementos ou deportes, entre outros. "Esta iniciativa ten o obxectivo de fomentar as visitas ao noso Centro Comercial Aberto e incentivar aos consumidores o paseo e a estancia nas nosas rúas", destacou Navarro, quen confesou que na asociación "estamos moi ilusionados", polo que esperar repetir a iniciativa o vindeiro ano. "Temos que ser moderadamente optimistas porque Vigo reúne as condicións para tirar para diante", destacou.

O tesoureiro de AETAVI desgranou a programación que será unha "oportunidade para o lecer". Así, o día 28, terá lugar a inauguración ás 12 horas, a cargo do tenente de alcalde, e a continuación servirase un viño galego. Pola tarde, ás 19.30 horas, celebrarase un sorteo dunha camiseta do equipamento oficial do Gestibérica. O 29 de novembro, ás 13.15 horas sortearase un balón de regulamento asinado polos xogadores do Gestibérica e ás 18 horas entradas para o partido que este equipo disputará o 5 de decembro contra o Canasta Unibasket Jerez. Ás 20 horas terá lugar o sorteo dunha bicicleta e, finalmente, ás 20.30 horas actuará a coral polifónica de Santa Clara de Lavadores no auditorio do IES Santa Irene.
Descargar todas as imaxes