Escoitar

O Concello inviste 1,1 millóns de euros na contratación de 7o persoas a través do Programa UTIL

Dende finais do mes de outubro, máis de 70 persoas desempregadas da cidade participan no PROGRAMA UTIL de inserción laboral posto en marcha pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá dentro do Plan de Emprego Municipal 2008-2011.Trátase de desempregados con especiais dificultades para acceder o mercado laboral ou con problemas de renda que están a recibir formación e adquirindo experiencia profesional no ámbito da obra pública cun contrato laboral dun ano de duración. Para a posta en marcha desta iniciativa a concellería realizou unha inversión de máis de un millón de euros.

xoves, 20 nov 2008
Na visita realizada esta mañá ao Parque de Servizos Centrais do Concello onde se imparte a formación deste Programa, o alcalde Abel Caballero, destacou que a mellora do benestar dos cidadáns é a tarefa fundamental do Concello de Vigo. No actual contexto de crise económica o alcalde afirmou que dende o concello se deben liderar actuacións concretas que fomenten o emprego e faciliten o desenvolvemento no só económico, senón tamén social e cultural da cidade. Segundo o rexidor, o Plan Municipal de Emprego 2008 - 2011 é a ferramenta para facilitar o acceso a un posto de traballo de calidade a todos os vigueses e viguesas.

Coma dous alumnos máis, o alcalde e o concelleiro participaron nunha das prácticas do taller de canteiría que se está a impartir coma parte da formación.

O concelleiro de Emprego, Santos Héctor subliñou que o obxectivo deste programa é facilitar o acceso ao mundo laboral dos colectivos máis desfavorecidos ofrecéndolles formación e a posibilidade de adquirir experiencia profesional.

Traballo para a cidade

Os participantes no PROGRAMA UTIL recibirán formación durante un período aproximado dun mes. Esta formación consistirá na adquisición de coñecementos asociados coa obra pública coma o manexo de ferramentas, preparación de morteiros, construción de beirarrúas, saneamento, instalacións eléctricas, fontanería ou canteiría entre outros.

Coma complemento tamén contémplase formación en materia medioambiental, técnicas de procura de emprego, alfabetización informática ou prevención de riscos laborais.

Unha vez completado o período formativo os beneficiarios do programa realizarán diferentes obras na cidade de Vigo ata novembro de 2009.

Aposta de futuro

O Plan de Emprego Municipal 2008-20011 é unha aposta de Concellería de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadán do Concello de Vigo para cubrir as demandas de emprego dos colectivos que se atopan con maiores dificultades para acceder ao mundo laboral. A formación de calidade, a seguridade laboral, a igualdade entre homes e mulleres son as bases dun proxecto que persegue a creación de empregos vencellados á mellora das condicións de vida, dos servizos culturais, de ocio e dos recursos naturais de Vigo.