Escoitar

O alcalde aboga por convertir a praza do Pobo Galego nun dos "lugares referenciais de Vigo"

Abel Caballero asinou este mércores co Presidente en Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Salvador Fraga, un convenio "de máximo interese" para deseñar a praza do Pobo Galego e repartir entre o COAG e o Concello os ámbitos de actuación que lle corresponden a cada entidade. Unha vez o COAG remate co seu novo edificio, o goberno acometerá a humanización de Doutor Cadaval, indicou o alcalde.

mércores, 19 nov 2008
1227103339coag.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinou este mércores co Presidente en Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Salvador Fraga, o convenio que detalla o reparto de tarefas para a urbanización da nova praza do Pobo Galego, detrás da rúa do Príncipe.

O convenio, "de máximo interese" para o alcalde, pretende converter á praza nun dos "lugares referenciais de Vigo", subliñou Abel Caballero, para o que se está a estudar asemade a posibilidade de vencellar o espazo con referencias culturais.

A sinatura concreta a definición de tarefas, polo que o COAG asume a edificación, xa en marcha, da nova sede en Vigo do organismo e a urbanización do entorno máis próximo ao mesmo, mentres que o Concello acometerá a remodelación de Doutor Cadaval e o seu conxunto.

Abel Caballero avanzou que o Colexio de Arquitectos está a cumprir os prazos previstos na construción da nova sede e, unha vez conclúan as obras, o Concello procederá á humanización de Doutor Cadaval. O alcalde tamén explicou que Concello e COAG definirán conxuntamente a escaleira que une a Porta de Sol co Paseo de Granada, que da acceso á Praza do Rei.
Descargar todas as imaxes