Escoitar

Iván Pozo protagonizará o Campionato de Europa de Boxeo o 12 de decembro nas Travesas

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou hoxe o Campionato de Europa de Boxeo, que se celebrará o vindeiro 12 de decembro, ás 22 horas, no pavillón das Travesas que enfrentará ao boxeador vigués Iván Pozo con Christopher Rodrigues. As entradas para presenciar o combate poranse á venda mañá no Centro Comercial Gran Vía e a organización porá a disposición do público autobuses dende diversos puntos de Galicia.<br /> <br />

martes, 18 nov 2008
1227016169PB180057.JPG
"Como concelleiro de Deportes supón unha gran satisfacción que Vigo fora elixida sede do Campionato de Europa de Boxeo", salientou Xabier Alonso. Segundo o concelleiro nacionalista, esta elección é froito "do traballo continuado de Francisco Amoedo e a proxección deportiva de Iván Pozo". Ademais, vaticinou que a competición "será un éxito e terá repercusión en toda Galicia de tal xeito que poderá abrir as portas a un futuro Campionato do Mundo".

O edil do BNG asegurou que Vigo "ten demostrado sempre que responde aos retos" e felicitou á organización por escoller o lema "Iván somos todos". "Non quero deixar de agradecer a outros clubes deportivos vigueses que facilitaron o cambio de datas para que ese venres esta competición sexa o centro do espectáculo deportivo", subliñou Alonso, ao tempo que agradeceu á Xunta, representada na figura de José Luis Besteiro, o seu apoio. Besteiro, pola súa banda, amosou a súa alegría pola celebración do campionato en Vigo e sinalou que Iván Pozo "seguramente dará alegrías a toda a afección galega".

Dende a organización, Mario di Giosia, agradeceu á Xunta e a súa Fundación Deporte Galego e ao Concello de Vigo a súa implicación na celebración da proba. Sinalou que para facilitar á asistencia do público poranse autobuses gratuítos dende distintos puntos de Galicia e que as entradas poderán adquirirse a partir de mañá no Centro Comercial Gran Vía dende 20 euros.

O adestrador do boxeador vigués, Francisco Amoedo, amosou o seu agradecemento polo feito de que o campionato se celebre en Vigo de xeito que se brinde a posibilidade "de celebrar o título na casa".
Por parte dos patrocinadores, Salvatore Cherchi salientou que o combate será unha "pelexa moi importante e difícil para Iván", así como "o inicio dunha nova vida no mundo do boxeo" para o boxeador vigués. "Trátase dun programa moi interesante para que a afección galega disfrute coa velada", destacou.

Iván Pozo, finalmente, expresou os seus agradecementos á Xunta "polo apoio que me están brindando e a Xabier Alonso como concelleiro de Deportes polo cariño co que me están tratando para acadar que Vigo sexa grande a través deste combate". O boxeador vigués explicou que loitará contra un boxeador francés "que virá a dar espectáculo". Así mesmo, indicou que será unha pelexa "dura e intensa na que me terei que preparar a fondo".
Descargar todas as imaxes