Escoitar

O tenente de alcalde pide ao comercio vigués compromiso coa campaña "Eu colaboro" contra a violencia de xénero

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, e a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, expresaron este martes o seu total compromiso coa campaña "Eu colaboro" de loita contra a violencia de xénero, organizada polo Servizo Galego de Igualdade. Na presentación do programa, os edís e a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade, Ana Luísa Bouza, solicitaron a adhesión de diversos sectores sociais como o comercio e a hostelería co obxectivo de eliminar os espazos de impunidade coa violencia machista.

martes, 18 nov 2008
1227016440eucolaboro.jpg
"Crear espazos nos que se considera que a violencia de xénero é inadmisible é un dos obxectivos de Eu colaboro", explicou a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade. Segundo Ana Luísa Bouza, o programa destaca a importancia da colaboración cidadá na loita contra a violencia machista e parte dunha enquisa que sinala que o 93,4 por cento das persoas participantes consideraba que a violencia de xénero é "inaceptábel". Esa mesma enquisa indica que o 18,5 por cento coñecía algunha muller que a padece, pero que o 77,4 por cento non fixera nada ao respecto porque non sabía que podía facer. Porén o 76,5 por cento amosábase disposta a facer algo.

Partindo destes datos, Ana Luísa Bouza sinalou que "Eu colaboro" é un distintivo que informa dos establecementos e lugares de traballo nos que hai persoas que coñecen os recursos públicos e privados que existen no seu entorno contra a violencia de xénero e está en disposición de colaborar coas persoas que precisen deles. "Un comercio, un taxi, unha perruquería ou un bar poden ser os primeiros lugares nos que se detectan casos de violencia de xénero", manifestou a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade, e de aí a importancia de formar unha "rede solidaria de información ás mulleres que sofren violencia para achegarlles os recursos que teñen ao seu dispor", como os servizos de información para as mulleres, as comisarías onde poñer unha denuncia, os hospitais de urxencias, ou os contactos das asociacións que traballan no acompañamento das vítimas.

Segundo Ana Luísa Bouza, trátase de establecer un compromiso escrito nunha xornada de adhesión, que en Vigo se celebrará previsiblemente a principios de decembro, que expresa que o establecemento se compromete co programa, mentres que nel haberá unha guía dos recursos existentes na cidade. "Non se trata de que a hostelería e os comercios sustitúan os servizos especializados, senón de que coñezan os recursos que hai e poidan transmitir a información a quen a demande", matizou a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade, quen subliñou a importancia de que os maltratadores se sintan "acorralados pola sociedade porque unha das cuestións que fomenta o maltrato é a impunidade".

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio agradeceu a Ana Luísa Bouza a súa presenza na presentación da campaña e amosou o seu convencemento de que o comercio vigués se volcará nela. "As administracións temos que pedirvos axuda para rematar con esta lacra dunha vez por todas", subliñou Santi Domínguez. A concelleira de Igualdade, pola súa banda, sinalou que se trata dunha campaña contra a violencia de xénero que se pon en marcha nunhas datas tan relevantes como o 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller.
Descargar todas as imaxes