Escoitar

A pintura naif de Ana Legido, a cuarta mostra de arte nos espazos da alcaldía

A artista Ana Legido, afincada en Vigo desde os anos 60, toma o relevo de Xavier Magalhaes nas periódicas mostras de arte que alberga os espazos da Alcaldía do Concello de Vigo, cunha exposición de arte orixinal, chea de sensibilidade e imaxinación.

martes, 18 nov 2008
1227015428analegido.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presidiu este martes a inauguración dunha nova mostra de arte nos espazos da Alcaldía, desta volta a cargo da viguesa de acollida Ana Legido, nunha apertura na que participaron representantes dos tres grupos políticos municipais.

Ante un nutrido grupo de personalidades da arte viguesa, entre elas os anteriores expositores Antonio Quesada, Pedro Solveira e Xavier Magalhaes, o alcalde agradeceu a presenza de todos eles e constatou que xa se conseguiu o obxectivo de achegar a arte aos espazos públicos.

O coordinador das mostras, o tamén artista Mingos Teixeira, salientou a recoñecida calidade pictórica de Ana Legido e apuntou que as mostras na Alcaldía xa están cubertas para todo o ano 2009, expoñente do éxito da iniciativa e do interese que despertou no panorama cultural da cidade olívica.

A obra de Ana Legido está presente en distintos museos de España, Francia, Portugal e Italia, e en Vigo podemos encontrar algunha representación do seu traballo no Museo Quiñones de León e no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Os traballos de Legido se caracterizan pola tenrura e inxenuidade, pola cor e a sensibilidade. Unha pintura que non segue os cánones establecidos, fuxida das academias e correntes do seu tempo, mestura da imaxinación e das vivenzas personais da autora e das xentes da súa cidade, Vigo.
Descargar todas as imaxes