venres, 8 out 2010
Abel Caballero informou hoxe venres da remisión dun escrito ao conselleiro de Infraestruturas e Medioambiente da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, solicitándolle que acelere as obras do gran parque verde e acondicione e transfira ao Concello os espazos entre os edificios. Navia está "desatendido", explicou o alcalde, polo que anunciou contactos coas propiedades de veciños para informarlles da situación na que se atopa o seu barrio.
venres, 8 out 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou este venres o centro de atención a persoas con drogodependencias Cedro, xunto á concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o director do centro, Francisco Otero. Tras contemplar o mural realizado no seu exterior, deu conta do estudo de satisfacción feito este ano entre os usuarios e usuarias e resaltou que dende o 2004 se incrementaron máis dun 15% as persoas que din estar moi satisfeitas co trato recibido.
venres, 8 out 2010
O alcalde asistiu este venres á apertura da VIII edición de GALICIATIC, promovido pola Universidade de Vigo, unha xornada programada para estudar o rol das Tecnoloxías da Información e Comunicación como facilitadoras dun mundo máis sostible. Empresas pioneiras no sector das TIC colaboraron nas mesas redondas e conferencias desenvolvidas no marco da xornada.
venres, 8 out 2010
O alcalde de Vigo recibiu este venres á nova directiva do Club Deportivo Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas, para analizar a situación deportiva e financiera da entidade. Caballero eloxiou a "magnífica" traxectoria do club e indicou que procurará, conxuntamente coa dirección, unha solución aos problemas financeiros polos que atravesan.
venres, 8 out 2010
A Concellería de Benestar Social súmase á convocatoria do colectivo Iniciativa Solidaria polo 0,77%, que os días 9, 10 e 11 de outubro realizará tres Marchas Solidarias para erradicar a fame e a pobreza no mundo percorrendo distintas vilas galegas. A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anima á cidadanía a participar na convocatoria viguesa, que sairá o domingo ás 8 horas da Praza do Rei.
venres, 8 out 2010
A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este venres unha nova actividade que se desenvolverá no marco do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de xénero. Trátase, neste caso, dun certame de microvídeos para o que o prazo de inscrición está aberto ata o 31 de outubro. Ademais, presentou o cartel gañador do concurso que se empregará ese día, elixido entre as 16 propostas presentadas, e cuxa autora é Mónica Bar Cendón.
venres, 8 out 2010
O concelleiro de Cultura, Xesus López, asegurou este venres que o festival de música clásica Are More, "non se suprime", como publicou hoxe un medio escrito da cidade, senón que se apraza ata a apertura do Teatro Fraga tras a súa remodelación. O concelleiro do BNG afirmou que o festival se celebrará este inverno e que incluirá "dúas actuacións de nivel internacional".
venres, 8 out 2010
A actuación da compañía Atrezo Teatro que estaba previsto celebrará mañá pola tarde no Centro Cultura de San Miguel de Oia tense que pospoñer ata o vindeiro 16 de outubro. Esta función está incluía no programa "Vigo a Escena" que desenvolve a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo.
venres, 8 out 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, manifestou este venres o orgullo que supón para Vigo ter a Chano Rodríguez entre os seus deportistas e desexoulle "todos os éxitos" nas vindeiras Olimpiadas, que se celebrarán en Londres no ano 2012 e para as que se preparará na Residencia Blume.