Escoitar

Santi Domínguez desexa a Chano Rodríguez "todos os éxitos" na súa nova andania de preparación na Residencia Blume

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, manifestou este venres o orgullo que supón para Vigo ter a Chano Rodríguez entre os seus deportistas e desexoulle "todos os éxitos" nas vindeiras Olimpiadas, que se celebrarán en Londres no ano 2012 e para as que se preparará na Residencia Blume.

venres, 8 out 2010
1286541167Chano.JPG
No acto de despedida ao deportista, no que participou o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso e o propio Chano Rodríguez, así como a secretaria do club Galaico, Santi Domínguez anunciou que a Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Deportes e Turismo contribuirán a financiar a súa preparación para esa cita olímpica, que realizará en Madrid.

"Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes queremos despedir momentaneamente ao mellor deportista vigués de todos os tempos", indicou Santi Domínguez. Asegurou que Chano Rodríguez marcha para "preparar a conciencia un novo éxito deportivo vigués" nos próximos Xogos Olímpicos de 2012, que se sumarán ás trece medallas obtidas nas tres últimas Olimpiadas.

O nacionalista indicou que a axuda económica que se lle prestará ao deportista, ten o obxectivo de que poida facer a súa preparación "da mellor forma posible". Porén, subliñou que é unha "mágoa que en moitos sectores e nalgúns medios non se valore suficientemente o seu palmarés precisamente por ser un deportista paralímpico".

Para o tenente de alcalde, Chano Rodríguez "debe ter a mesma subvención que calquera deportista de elite porque é un deportista de elite", destacou o tenente de alcalde. Pero ademais dos éxitos deportivos, Santi Domínguez salientou a súa "calidade humana", nomeadamente ao tratar cos rapaces e rapazas máis novos que comezan a súa práctica deportiva.

Xabier Alonso, pola súa banda, fixo referencia ao "impresionante palmarés" de Chano e indicou que "sería difícil" atopar un deportista con semellante número de medallas conseguidas en tres Olimpiadas consecutivas, "no só en Europa, senón tamén no mundo". Tamén destacou a súa calidade humana, sobre todo cos nenos e nenas e asegurou que "o adestramento que realizará na residencia de alto nivel tamén será un exemplo para o seus compañeiros".

Chano Rodríguez dixo sentirse "gratamente sorprendido" pola afluencia á rolda de prensa e agradeceu a Santi Domínguez e Xabier Alonso o seu "apoio continuado" dende os inicios da súa carreira deportiva. Manifestou que sen ese apoio "non sería posible ir a Madrid". Asemade agradeceu o apoio ao club Galaico, "ao que estou e seguirei ligado" asegurou, ao igual que ao seu adestrador e ao médico.

O deportista explicou que a súa marcha á residencia Blume responde "a ser competitivo" e ter a motivación "dun crío de 15 anos", pese a vivir o feito de saír de Galiza como "moi forte". Sinalou tamén que aínda que non naceu en Vigo, se sinte "vigués como o que máis", polo que quixo transmitir o seu "cariño e agradecemento á cidade". Respecto aos seus éxitos deportivos, comentou que non é "mellor nin peor que os demais", pero si recoñeceu que un elemento fundamental para acadalos é o traballo e a perseverancia. "Non quero que a xente nova me vexa como un ser extraordinario, senón como un igual e quero transmitir que todo se pode facer con traballo", salientou.

En resposta aos medios dixo que a idea de trasladarse a Madrid tamén é consecuencia da insistencia dos adestradores, mentres que o "empuxe que faltaba" recibiuno da Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Deportes e Turismo.
Descargar todas as imaxes