Escoitar

Abel Caballero anuncia que Coia acollerá o primeiro centro de lectura e estudo da cidade

O alcalde de Vigo avanzou este xoves que o Concello ten previsto incluir nos orzamentos municipais de 2011 unha partida para habilitar un centro de estudo e lectura no baixo do CEIP Illas Cíes, na Avenida de Castelao. Caballero asegurou que recibe unha "gran demanda" de lugares de estudo, e o primeiro dos previstos estará en Coia. Estes espazos, complementarios ás bibliotecas, compatibilizaranse con usos cidadáns e estarán equipados con ordenadores.

xoves, 7 out 2010
1286454390023.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que o baixo do CEIP Illas Cíes, na Avenida de Castelao, acollerá o primeiro centro de lectura e estudo da cidade de Vigo.

En rolda de prensa, o socialista explicou que percibe unha "gran demanda" cidadá de lugares de estudo, complementarios ás bibliotecas, que están actualmente "saturadas". Este "novo modelo" non ofertará aluguer de libros, pero habilitará mesas e ordenadores para os que o utilicen.

Abel Caballero explicou que os orzamentos municipais de 2011 incluirán unha partida destinada ao efecto, mais este será o primeiro de numerosas salas de estudo como esta, que serán xestionadas a través de Participación Cidadá. O centro terá carácter multidisciplinar e poderá empregarse por asociacións da cidade cando non sexa necesario para o uso principal.

O alcalde de Vigo defendeu Coia como o primeiro barrio vigués en contar cun centro destas características, xa que trátase dun "lugar óptimo" e "densamente poboado".

Comedor
O rexedor municipal considerou igualmente "imprescindible" a ampliación do comedor do centro escolar do Illas Cíes e o novo centro de estudo para Coia, polo que instou á Xunta de Galicia a abandonar "polémicas estériles" e acometer o comedor na parte alta do edificio, como propón o Concello e respaldan os país e nais do colexio.

Caballero recordou que o goberno autonómico asumiu fai un ano este compromiso e a ubicación proposta polo executivo local compatibiliza ambos usos, mentres que a opción da Xunta -o baixo da construcción- imposibilita o proxectado centro de estudo e lectura municipal.
Descargar todas as imaxes