Escoitar

Xesus López salienta o vangardismo do Sinsal, que pecha o ano con Carter, Parker e Ughi no Auditorio Municipal

O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou hoxe que o festival Sinsal ten unha "programación de risco e vangardista" que nesta última parte do ano incorpora o Auditorio Municipal e a sala Mondo aos seus escenarios habituais. O seguinte concerto do festival será o vindeiro 18 de outubro ás 21 horas na sala Mondo, onde actuarán Masters Musicians of Bukkake e Future Islands.

mércores, 6 out 2010
1286379459Sinsal.JPG
"Para facer este festival hai que ter visión de futuro para acceder a artistas que se moven por circuítos paralelos e cun orzamento limitado", apuntou o concelleiro nacionalista na presentación do programa de outono do Sinsal, e na que tamén participaron o coordinador do festival, Julio Gómez, e a responsable de actividades culturais de Caixanova, María Pereira. Xesus López dixo tamén que é un orgullo poder ter en Vigo un espectáculo destas características.

O concelleiro de Cultura asegurou que os organizadores do Sinsal son "capaces de facer o milagre de elaborar o cesto con escasos vimbios", polo que felicitou a Julio Gómez e o seu equipo, "polo traballo que están a realizar". Tamén expresou os seus parabéns a Caixanova, "porque sen a súa colaboración este e outros festivais non serían posible".

O coordinador do festival explicou que este foi un ano "moi complexo para programar", tanto pola excesiva oferta como porque os grupos cada vez estruturan máis as súas xiras. "De súpeto atopámonos cun montón de propostas, polo que apostamos por facer unha programación dobre, moitas veces con actuacións moi diferentes", sinalou. Julio Gómez destacou que entre as novidades, ademais da incorporación do Auditorio Municipal e a sala Mondo aos escenarios do Sinsal, figura a presentación do festival no teatro Lara de Madrid o vindeiro 15 de novembro, concerto que se celebrará dous días despois en Ferrol.

No tocante a programación correspondente a Vigo, avanzou que o primeiro concerto da temporada será o 18 de outubro, na sala Mondo con dúas propostas "totalmente diferentes". A seguinte actuación terá lugar o 7 de novembro no Marco ás 20.30 horas, con Sun Araw e Arborea. A sala Mondo acollerá o seguinte concerto programado, o día 30 de novembro ás 21 horas, con King Midas Sound e Prince Rama, que segundo salientou Julio Gómez será un dos "principais concertos do programa".

O 2 de decembro, ás 20.30 horas, o Marco acollerá a actuación de Caller e Emily Jane White&Band. Finalmente, o 18 de decembro ás 21 horas, no Auditorio Municipal terá lugar o peche desta edición do festival, que correrá a cargo de Daniel Carter, William Parker e Federico Ughi.

O coordinador do Sinsal fixo un balance da primeira parte do festival deste ano e ao respecto manifestou que en Vigo foron once os concertos celebrados, "cun éxito de público sorprendente na maioría dos casos". Ademais, salientou as posibilidades que ofrece Vigo para organizar concertos, como o pazo de Castrelos ou a terraza do Verbum. A preguntas dos xornalistas indicou que o orzamento da programación do Sinsal Vigo ascende aproximadamente a 600.00 euros.

A responsable de actividades culturais de Caixanova expresou os seus parabéns á organización do festival pola "orixinalidade das propostas" e agradeceu o "esforzo continuo para para traer a nosa cidade propostas diferentes cun nexo común que é a calidade".
Descargar todas as imaxes