Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o complexo deportivo "Máis que auga" de Coia-Florida abrirá na última semana de outubro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe que o novo complexo deportivo "Máis que auga" de Coia-Florida entrará en servizo na última semana de outubro. O nacionalista destacou este mércores nunha visita ás instalacións que xa máis de 7.000 persoas amosaron o seu interese por algunha das actividades que terán lugar neste centro ubicado na Praza da Tellada (nas inmediación da Praza da Miñoca) e no de Barreiro.

mércores, 6 out 2010
1286379427piscina.JPG
"Cando a finais de mes inauguremos este novo complexo deportivo e en decembro o de Barreiro, producirase un feito histórico na cidade", salientou Santi Domínguez tras realizar un percorrido polas instalacións, no que tamén participaron o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez. O tres recibiron as primeiras tarxetas de abonados, que a partir de mañá poderán empezar a recoller as persoas que xa fixeron unha preinscrición durante a campaña de promoción que se fixo nos últimos meses. A partir do día 20 abrirase o prazo de abonos para o resto de persoas interesadas.

O tenente de alcalde explicou que a superficie total do centro de Coia-Florida é de máis de 4.600 metros cadrados, que se reparten nunha piscina cuxo vaso principal é de 25 x 12,5 metros e outras dúas piscinas de 10 x 6 metros. Sinalou que unha delas se destinará a aprendizaxe, incluso para bebés a partir dos seis meses. Respecto a outra piscina indicou que se utilizará como "piscina activa", xa que conta con dúas camas de auga, oito postos de hidromasaxe, un chorro de cervicais, un chorro de láminas de auga e dous geyseres.

A piscina activa e a zona de tratamentos e relax conforman un área termal que contará con sauna, baño turco, catro duchas de esencias e fonte de xeo. Ademais das piscinas, Santi Domínguez sinalou que haberá catro salas para diversas actividades, de entre 100 e 150 metros cadrados cada unha, así como un ximnasio municipal de 600 metros cadrados. "É o ximnasio municipal de máis extensión que temos na cidade", asegurou.

"Trátase das instalacións de máis calidade da cidade. Quixemos que aquí non faltara de nada", salientou o tenente de alcalde. Á construción desta infraestrutura deportiva únese a recuperación da praza pública de máis de 2.000 metros cadrados na cuberta do complexo superior. "Ademais de dar un servizo público, recuperamos o contorno para o encontro e o lecer", dixo ao respecto.

O tenente de alcalde indicou que o investimento total das dúas áreas deportivas de auga de Barreiro e Coia-Florida ronda os 15 millóns de euros. Para Santi Domínguez "cando inauguraremos o complexo de auga de Barreiro, poderemos dicir que grazas ao BNG teremos dúas instalacións feitas para o goce dos veciños e veciñas e para que a súa calidade vaia en aumento".

Finalmente, o tenente de alcalde felitou á empresa construtora, polo traballo realizado, así como ao concelleiro de Deportes, Xabier Alonso e á concelleira de Benestar Social, "que vela para que as persoas con discapacidades non lles falte de nada e poidan ter igualdade de oportunidades".
Descargar todas as imaxes