Escoitar

Santi Domínguez salienta que aumentaron nun 15% as persoas "moi satisfeitas" co trato recibido en Cedro dende o 2004

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou este venres o centro de atención a persoas con drogodependencias Cedro, xunto á concelleira de Benestar Social, María Méndez, e o director do centro, Francisco Otero. Tras contemplar o mural realizado no seu exterior, deu conta do estudo de satisfacción feito este ano entre os usuarios e usuarias e resaltou que dende o 2004 se incrementaron máis dun 15% as persoas que din estar moi satisfeitas co trato recibido.

venres, 8 out 2010
1286545689Cedro.JPG
"Unha das funcións fundamentais que ten que ter a política é o traballo para incrementar o benestar das persoas e mellorar a súa calidade de vida e a igualdade de oportunidades, coidando as persoas con máis dificultades", salientou Santi Domínguez. Neste sentido contextualizou o traballo que desenvolve Cedro, enteiramente municipal, e que segundo manifestou, "non se pode privatizar nin deixar en mans empresariais para seguir dando atención especializada".

O tenente de alcalde expresou o seu orgullo e o da concelleira de Benestar Social polos datos da última enquisa de satisfacción realizada no centro. "Estamos moi orgullosos porque todos os parámetros de satisfacción aumentan dun xeito moi considerable. Nos últimos anos están moito máis satisfeitos que no 2004, polo que o noso esforzo paga a pena", destacou.

Neste último estudo, incrementouse un 15,14% o índice de persoas que din estar moi satisfeitas co trato recibido no centro, e nun 6% as que manifestan estar satisfeitas ou moi satisfeitas. Respecto a avaliación de satisfacción sobre si consideran que os profesionais que os atenden os tratan con respecto, escoitan as súas demandas e intentan axudalos, o 44,7% di que sempre o fan, fronte ao 13,5% da enquisa de 2004. Ademais, o 31,8% di que sempre lle prestan a axuda que cren que precisan, mentres que no 2004, a porcentaxe baixaba ata o 15%.

Outro aspecto ao que fixo referencia o tenente de alcalde é que o 75,4% dos usuarios notou que o seu problema adictivo mellorou moito dende que iniciou o tratamento, mentres que esa cifra era do 65,8% no 2004. Sobre a mellora doutros problemas asociados ao seu trastorno adictivo, como mellores relacións cos demais, adquisición de pautas de vida saudables ou mellores ferramentas para desenvolver a súa vida, produciuse un notable aumento na valoración dos usuarios, xa que o 62,14% di que que notou moitas melloras, fronte ao 58,9% da anterior enquisa.

Santi Domínguez salientou que o 30% dixo que o seu grao de satisfacción co tratamento que recibe é moi bo e o 55,91% que é bo. Neste caso tamén se incrementou moito respecto a 2004, cando só o 12,5% dicía que o seu grao de satisfacción era moi bo. Finalmente, resaltou que o 90% dos usuarios e usuarias din que regresarían a Cedro se unha vez concluído o tratamento necesitara axuda, cifra que era do 85,6% no 2004.

O nacionalista expresou os seus parabéns ao director e a todo o persoal de Cedro. "Estas son as noticias que nos gusta contar e que nos fan sentir orgullosos do noso Concello", indicou Santi Domínguez. Ademais, felicitou ao creador do mural da fachada do centro, Antonio Valverde, por "deixar a súa pegada artística no frontal remodelado".

Francisco Otero engadiu a estes datos que o total de usuarios que se declaran satisfeitos ou moi satisfeitos co trato recibido acadan o 98%. En resposta aos medios sobre que ten mudado dende o 2004 para que o grao de satisfacción sexa maior, sinalou que desde hai seis anos se traballa a calidade para os profesionais, os usuarios e os procesos de traballo, pero que no último ano se plasmou "un impulso ás melloras do servizo e no centro". Respecto ao número de usuarios que Cedro atende ao ano sinalou que son arredor dos 1.200 cunha idade media superior á de 2004. Explicou que hai seis anos a idade media estaba situada nos 32 anos no último estudo é arredor dos 40.
Descargar todas as imaxes