Escoitar

Iolanda Veloso presenta o cartel do Día Internacional contra a Violencia de Xénero e o novidoso certame de microvídeos

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, presentou este venres unha nova actividade que se desenvolverá no marco do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de xénero. Trátase, neste caso, dun certame de microvídeos para o que o prazo de inscrición está aberto ata o 31 de outubro. Ademais, presentou o cartel gañador do concurso que se empregará ese día, elixido entre as 16 propostas presentadas, e cuxa autora é Mónica Bar Cendón.

venres, 8 out 2010
1286543952Cartel.JPG
"Temos o obxectivo de facer partícipe á mocidade nun tema tan sensible como a violencia de xénero", sinalou Iolanda Veloso na rolda de prensa, na que tamén participaron Rosa Fontaíña, da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, e Conchi Regueiro, do colectivo Mulleres Progresistas.

Respecto aos criterios que se tiveron en conta para escoller o cartel gañador, titulado "Eu coido de ti", a concelleira de Igualdade mencionou a súa calidade e orixinalidade, a transmisión dos valores da igualdade e a non violencia, que fuxise de "imaxes tétricas" e que non só puxese o foco na vítima, senón tamén no agresor. Explicou que dos 16 carteis presentados foron rexeitados tres por non cumprir o requisito que figuraba nas bases de incluír o lema da convocatoria deste ano "Non o ignores, non o xustifiques, non o escondas".

No tocante á outra acción organizada arredor do 25 de novembro, indicou que no concurso de microvídeos pode participar calquera persoa física ou xurídica de máis de 16 anos e facer a súa inscrición ata o 31 de outubro na web da Concellería de Igualdade. "Deben ser en lingua galega, non poden superar os 3 minutos de duración, e deben ser orixinais e inéditos", sinalou Iolanda Veloso sobre os requisitos. Haberá un premio para o microvídeo gañador, dotado cun bono de 500 euros para adquirir material informático en establecementos comerciais da cidade, e dous accésits, dotados con 250 euros cada un.

A concelleira explicou que os traballos poden recoller calquera das diferentes formas de violencia que se exerce contra as mulleres. Ao seu xuízo, nun momento de crise como o actual os recortes afectan máis ás mulleres "e mesmo se pode falar de violencia institucional contra as mulleres". Ao respecto puxo como exemplo que o vindeiro mércores, 13 de outubro, o Parlamento galego eliminará o Servizo Galego de Igualdade.
Descargar todas as imaxes