Escoitar

VERBENALIA, a feira que reúne no IFEVI ás mellores orquestras de Galicia

A concelleira de Cultura e Festas, Isaura Abelairas, avogou esta mañá por poñer en valor as orquestras que animan as verbenas por todo o país porque "hai moito traballo detrás delas". Así o indicou durante a presentación de Verbenalia, unha feira que vai reunir no Ifevi a 14 orquestras de toda Galicia, entre as que se atopan París de Noia ou Panorama. A cita en Cotogrande será os próximos 26,27,28 e 29 de abril.

venres, 23 mar 2012
1332518245isaura.JPG
As orquestras participantes nas catro xornadas de Verbenalia son Panorama, París de Noia, Olympus, Philadelphia, Sintonía de Vigo, Aché, Marbella, Ciclón, Costa Oeste, Cinema, Gran Parada, Charlestón e Jerusalén. Ademais, o xoves 26 estarán en Verbenalia o grupo Teté y los Ciclones e actuarán o actor e humorista Carlos Blanco, xunto a Budiño Dj (¡Lalelo!). O sábado 28, o artista convidado será o xa mítico vocalista Sito Sedes, antigo cantante dos Satélites de A Coruña. As sesións vermú do xoves e domingo serán presentadas por Carlos Blanco e as sesións da noite, por Teté Delgado e Yolanda Vázquez.

Verbenalia está organizado por Oíde Events e Reresentaciones Lito, coa colaboración do Concello de Vigo. A feira nace con vocación de continuidade, co obxecto de converterse nun referente para o sector das orquestras, que move en Galicia un negocio de cerca de sesenta millóns de euros anuais e xera dez mil postos de traballo directos.

O domingo, ademais do gran espectáculo da noite, Verbenalia recuperará a Sesión Vermú, a mediodía, coa banda Unión Musical de Valladares, dirixida polo mestre José Iglesias Ramilo, nun acto que pretende ser unha homenaxe a todas as comisións de festas de Galicia.

Verbenalia está aberto ao público en xeral, de todas as idades, e conta cun área recreativa infantil, aberta desde as 17.00 horas. Ademais, haberá no recinto do Ifevi pulpeiras, rosquilleiras, degustacións gastronómicas, foguetes, chiringuitos e atraccións.

As entradas para cada día dos concertos sairán á venda o vindeiro luns, a un prezo anticipado de 3 euros. En taquilla, o día do concerto, o prezo será de 4 euros. Os menores de tres anos entran de balde.

A imaxe corporativa de Verbenalia foi deseñada polo polifacético artista tudense Víctor Coyote, autor do logo e a cartelería da feira, que conta co seu propio merchandising de camisetas, pins, gorras, etc... Ademais, lanzaremos un CD recopilatorio cos mellores temas das orquestras participantes no certame.

A escenografía de Verbenalia corre a cargo do decorador Suso Montero, un dos máis recoñecidos directores de arte en televisión en toda España. Arcos led, grandes pantallas e as últimas novidades técnicas farán que o espectáculo en Verbenalia sexa unha garantía.

Falamos da festa das festas, da primeira verbena do verán, da verbena máis grande do ano e da festa onde nunca chove. Verbenalia é "A Primeira Verbena Indoor de Galicia".
Descargar todas as imaxes

Máis información