O Pleno da Corporación acolleu intervencións de colectivos laborais, educativos e cidadáns de Vigo

xoves, 5 mai 2011

En sendas sesións extraordinarias, o Pleno da Corporación de Vigo escoitou hoxe xoves as intervencións da Asociación de Veciños Pontenova-Freixeiro, dos traballadores de POVISA e de Linorsa, e dos colexios Altamar e Caixanova. Estes dous centros educativos precisan dun novo centro, a Asociación veciñal defendeu o mantemento da zona verde anexa ao Museo Liste e os traballadores de POVISA e Linorsa reclamaron solución aos seus conflictos laborais.

O goberno local insta á Xunta de Galicia a consensuar co Concello un plan de emprego para a cidade

xoves, 28 abr 2011

A moción, presentada polo grupo municipal socialista, reclama do goberno autonómico chegar a un acordo co Concello de Vigo para elaborar e por en marcha un plan de emprego na cidade. O texto aprobado denuncia a "paralización total" por parte da Xunta de Galicia das políticas de emprego e reclama do goberno de Núñez Feijóo a asunción das súas responsabilidades cos desempregados da cidade.

A corporación acorda demandar á Xunta a suba do 20% do orzamento do plan concertado de servizos sociais

xoves, 28 abr 2011

O Pleno da corporación aprobou hoxe a proposta do BNG, co apoio do PSOE e os votos en contra do PP, unha moción que demanda á Xunta o incremento do 20% do orzamento do Plan Concertado destinado ao Servizo de Axuda a Domicilio e persoal de servizos sociais básicos. Na defensa da moción, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, criticou a conxelación da achega da Xunta para prestar os servizos sociais, o cal "condena en Vigo a que haxa 300 persoas sen ter prestacións", denunciou.

O Pleno aproba por unanimidade unha moción que defende a cancelación da hipoteca coa dación da vivenda

xoves, 28 abr 2011

O BNG acadou o respaldo da corporación municipal para aprobar a moción defendida pola concelleira Iolanda Veloso que solicita da Xunta instar ao goberno do Estado a impulsar unha reforma lexislativa que protexa ás persoas afectadas polas hipotecas. A concelleira nacionalista destacou que dada a elevada execución de hipotecas consecuencia da crise económica e financeira actual, é preciso que a lei admita a dación das vivendas que son residencia habitual en pagamento como cancelación da totalidade da débeda hipotecaria, así como a posibilidade de moratorias no pago para evitar o agravamento desa situación.

O goberno local reclama investimentos á Xunta e á Deputación en humanizacións e infraestruturas socioculturais e deportivas

xoves, 28 abr 2011

A moción presentada polo grupo municipal socialista foi respaldada polo BNG e enmendada para reclamar das institucións provincial e autonómica que, xunto ás humanizacións, executen investimentos en infraestruturas socioculturais e deportivas en Vigo. O texto aprobado asegura que a cidadanía reclama a humanización das rúas competencia de ambas administracións polo que as insta a sumarse á política realizada polo goberno local nos últimos catro anos.

O Pleno sorteou a composición das 376 mesas electorais dos próximos comicios de maio

luns, 25 abr 2011

Como é habitual, a Corporación celebrou este luns o Pleno do sorteo de formación das mesas electorais de cara aos próximos comicios locais do 22 de maio, dividido en 241 seccións, 376 mesas e 88 locais, e onde atoparanse os 3.384 membros das mesas resultantes do sorteo desta mañá. O censo de votantes ascende este ano a 237.782 persoas, entre presentes e comunitarios.

A Corporación concede a Medalla da Cidade á Federación de Comercio de Vigo

luns, 21 mar 2011

O Pleno da Corporación municipal respaldou por unanimidade esta concesión, e aprobou o nomeamento de sete Vigueses Distinguidos: a Asociación de Directores de Colexios Públicos de Vigo, a Fundación Banco de Alimentos, Cipriano Jiménez Casas, o Club Maniotas, a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, a Unión Musical de Valadares e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Vigo. Esta última tivo a oposición do grupo municipal do Partido Popular e foi aprobada cos votos do goberno local.

O Concello pide á Xunta ampliar o colexio de Navia e destinar medios para a mellor atención dos escolares con necesidades especiais

luns, 21 mar 2011

A concelleira de Educación, a socialista Laura López Atrio, presentou no Pleno deste luns de urxencia esta moción, aprobada cos votos do BNG e a negativa do PP. O acordo adoptado insta ao goberno autonómico a ampliar o CEIP Daniel Rodríguez Castelao de Navia e a mellorar as condicións educativas do alumnado con necesidades especiais, dotando de medios e recursos aos centros e ás familias. O texto propón que as institucións públicas convenien para "conseguir o máximo desenvolvemento e autonomía persoal" do colectivo.