A Corporación solicita ao goberno local que "determine a localización onde a Biblioteca do Estado sexa un proxecto realizable"

luns, 21 mar 2011

A proposta de acordo, presentada polo Partido Popular e respaldada polos grupos do goberno vigués, insta ao Concello a determinar unha ubicación "realizable" para a dotación esta dotación, unha vez está "comprometida polo Ministerio de Cultura". A moción di que "son xa catro" as presentadas ante o Pleno en relación á cuestión "sen que Vigo obtivese unha resposta definitiva".

O Pleno pide a posta en marcha de puntos limpos na cidade

luns, 21 mar 2011

A Corporación Municipal de Vigo votou hoxe luns en sesión plenaria que o goberno local poña en marcha "os puntos limpos que establecen no Plan Xeral da cidade de Vigo". Segundo apunta o texto validado, o PXOM vigués -en vigor desde o 25 de agosto de 2008- fixa oito ámbitos para a localización desta "alternativa para a reciclaxe de residuos especiais", unha situación que "a cidade de Vigo non se pode permitir nin un minuto máis".

Respaldo unánime do Pleno da Corporación para declarar Vigo e Galiza como zonas desnuclearizadas

luns, 21 mar 2011

O BNG acadou o apoio unánime da corporación para declarar ao Concello de Vigo como zona desnuclearizada e na adhesión ao acordo do Parlamento de Galiza de 6 de setembro de 2006, para que a Xunta se dirixa ao goberno do Estado para que Galiza sexa de maneira efectiva territorio desnuclearizado. Segundo explicou a concelleira nacionalista María Méndez, esta declaración implica a prohibición de localizar no territorio galego un cemiterio nuclear ou depósitos de almacenamento de residuos nucleares, así como a prohibición de que en Galiza se constrúan centrais nucleares.

O goberno local deixa sen efecto o Plan Económico Financeiro 2010-2011 ao estar cumpridos os obxectivos de estabilidade

xoves, 17 mar 2011

O Pleno da Corporación aprobou hoxe xoves esta medida ao tempo que tomou coñecemento da liquidación orzamentaria de 2010, cumprindo cos obxectivos de investir 100 millóns de euros, baixar a presión fiscal e consolidar unhas contas saneadas mediante unha "xestión austera e eficaz", explicou a concelleira de Facenda, Raquel Díaz. A oposición, que se abstivo na votación, pediu que os 11 millóns de euros do préstamo deste ano se dediquen a pagar sentencias xudiciais pendentes.

O pleno celebra o Día Internacional da Muller e insta a seguir loitando pola igualdade e o mantemento dos dereitos acadados

martes, 8 mar 2011

A concelleira de Igualdade e presidenta do Consello Municipal da Muller, Iolanda Veloso, presidíu este martes o pleno conmemorativo do Día Internacional da Muller, que contou coa participación de representantes dos diferentes colectivos que o integran. Iolanda Veloso asegurou que é preciso "seguir reivindicando moitas melloras para acadar a igualdade real entre homes e mulleres" e fixo un chamamento a participar nas actividades propostas ao longo do mes.

O pleno respalda a demanda nacionalista para reclamar a Fomento que declare vía urbana a AP-9 de Rande a Vigo

luns, 28 feb 2011

O Pleno da Corporación Municipal aprobou este luns a proposta do BNG, cos votos de nacionalistas e populares e a abstención do PSOE, que insta ao Ministerio de Fomento a reconsiderar a súa negativa sobre a declaración como vía urbana do tramo da AP-9 de Rande a Vigo. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou que é dunha "demanda histórica" que melloraría a vertebración do barrio de Teis, polo que asegurou que o BNG non entende a negativa de Fomento dada a deputada Olaia Fernández Davila para acometer esta transformación.

O goberno local ratifica iniciar trámites para adaptar o PXOM ás novas entradas viarias e ferroviarias da cidade

luns, 28 feb 2011

Socialistas e nacionalistas aprobaron no Pleno deste luns -coa absteción do PP- iniciar os estudos sobre a modificación do Plan Xeral para adaptalo aos novos trazados viarios e ferroviarios de entrada a Vigo. A chegada do AVE en túnel ata Urzáiz implicará a construción dunha senda verde de tres quilómetros polo actual percorrido das vías en superficie, e Urbanismo redactará outro deseño de estrada para acceder ao centro desde o Seminario da Avenida de Madrid.

O Concello reclama 100 millóns á Deputación "pola falta de investimento" en Vigo desde 2008

luns, 28 feb 2011

O goberno local deu luz verde na sesión plenaria deste luns -coa oposión do PP- á moción presentada polos socialistas reclamando ao ente provincial a recoñecer a súa "débeda" con Vigo pola "falta de investimento" na urbe nos catro últimos exercizos. Ademais, pide da Deputación que inicie os traballos de construción do chamado Colexio Alemán e que convoque o Comité Técnico constituído en novembro pasado sobre o aeroporto de Vigo.