Escoitar

PSOE e BNG instan á Xunta a integrar CEDRO no Servizo Galego de Saúde

Socialistas e nacionalistas aprobaron na sesión plenaria de hoxe luns unha moción do PSdeG-PSOE na que se socicita á Xunta a integración orgánica de CEDRO no Servizo Galego de Saúde.

luns, 25 xuñ 2012
O Pleno decidiu solicitar esta mañá á administración autonómica a integración orgánica de CEDRO no Servizo Galego de Saúde. Os votos de nacionalistas e socialistas deron luz verde a unha moción defendida pola concelleria de Política de Benestar na que tamén se solicita á Xunta que, entanto non se produza esta incorporación, asuma o custe total deste servizo asistencial. Os concelleiros do PP votaron en contra.

O texto da moción lembra que non é competencia muncipal a prestación de asistencia sanitaria aínda que o Concello de Vigo, no ámbito das drogodependencias, veña desenvolvendo subsidiariamente, por razóns históricas, desde o ano 1985, coa cofinanción da Xunta de Galicia. Nos últimos anos, a Xunta de Galicia ven reducindo a súa achega económica de xeito unilataral, o que provoca que o Concello de Vigo teña que incrementar o seu esforzo orzamentario para manter axeitadamente este servizo asistencial.

Cultura
Socialistas e nacionalistas uniron tamén os seus votos para reclamar á Deputación de Pontevedra a recuperación do convenio co Museo Marco, centro de referencia da arte contemporánea da provincia e que, a tal efecto, rubrique un convenio de cooperación co Concello para realizar as actividades da rede museística de Vigo. Durante o debate, a propoñente, Isaura Abelairas, aceptou unha engádega do BNG pola que se insta ao Ministerio de Cultura e a Consellería de Cultura a que cumpran os seus compromisos co Marco facendo a achega comprometida correspondente ao ano 2011. O Partido Popular votou en contra do texto.

Outra das mocións socialistas que recibiron esta mañá o visto bo do Pleno municipal foi a referente a instar á Xunta de Galicia a que conceda ao IES Audiovisuais de Vigo os ciclos superiores formativos de Realización de Audiovisuais, Imaxe e Animación en 3D. A concelleira de Educación, Raquel Díaz, recriminou á administración autonómica a discriminación de Vigo no que se refire á oferta educativa e formativa porque negan para esta cidade o orzamento que sí destiñan a outras cidades galegas. A moción obtivo o apoio dos nacionalistas, e o voto en contra do Partido Popular.