Daniel Levin e as paisaxes sonoras do violoncello o mércores 27 de xuño no MARCO dentro do programa de Imaxina Sons
Daniel Levin e o seu cello protagonizan unha das sesións máis singulares do 8º Festival de Jazz de Vigo no escenario do MARCO o mércores 27 de xuño a partir das 20.30h. De Daniel Levin (Vermont, EEUU, 1974) di a publicación norteamericana All About Jazz que é un dos violoncellistas máis excepcionais traballando na vangarda musical; tamén na revista francesa Jazz Magazine subliñan que é unha figura con maiúsculas do violoncello. Indubidablemente singular como compositor, improvisador e intérprete, Levin coloca o cello en primeiro plano no seu disco en solitario Inner Landscape (2011) demostrando as súas posibilidades expresivas. Por veces semella un combate; noutras, un namoramento.