Escoitar
As entradas para o concerto de Daniel Levin estarán á venda desde ás 19.30h na billeteira do MARCO. O aforo é limitado.Prezo 3 euros

Daniel Levin e as paisaxes sonoras do violoncello o mércores 27 de xuño no MARCO dentro do programa de Imaxina Sons

Daniel Levin e o seu cello protagonizan unha das sesións máis singulares do 8º Festival de Jazz de Vigo no escenario do MARCO o mércores 27 de xuño a partir das 20.30h. De Daniel Levin (Vermont, EEUU, 1974) di a publicación norteamericana All About Jazz que é un dos violoncellistas máis excepcionais traballando na vangarda musical; tamén na revista francesa Jazz Magazine subliñan que é unha figura con maiúsculas do violoncello. Indubidablemente singular como compositor, improvisador e intérprete, Levin coloca o cello en primeiro plano no seu disco en solitario Inner Landscape (2011) demostrando as súas posibilidades expresivas. Por veces semella un combate; noutras, un namoramento.

martes, 26 xuñ 2012
1340708969daniellevin.jpg
Aínda que na etapa escolar tamén tocou o saxo, Daniel Levin comezou co cello aos seis anos teimando cunha aprendizaxe que o levou a graduarse en Boston no ano 2001. A partir de aí a súa será unha dedicación profesional á música e o seu primeiro disco como líder será publicado en 2009 con formación de cuarteto e baixo o título Don´t go it alone. Nos últimos tempos colaborou e participou en gravacións doutros músicos destacados como Tim Berne, Anthony Braxton, Willian Parker e Ken Vandermark.

Con Inner Landscape (Clean Feed 2011), o músico estadounidense acomete un desafío con resultado sobresaínte: unha gravación só con cello con seis improvisacións que se converten nun mosaico da potencialidade contemporánea deste instrumento. Semella que a Levin gustáballe xogar coas pezas do lego cando era cativo e gozou moito ir colocando formas e cores neste disco sen sentir a presión de construír formas útiles. O certo é que consegue crear unha paisaxe que envolve o ouvinte. O pasado ano deu un gran concerto no Festival Jazz ao Centro de Coimbra, nun escenario abraiante como é o Mosteiro de Santa Clara-a-Velha, obtendo da audiencia unha atención inquebrantable. A conta deste show, escribía o crítico Nuno Catarino: " Se por veces o arco delineaba melodías doces, outras veces as cordas expresaban unha rugosidade atípica. A exuberancia técnica foi particularmente exposta nos momentos en que Levin traballaba en simultáneo o arco e o pizzicato". O que nos propón no MARCO de Vigo é unha viaxe emocional e inesperada co cello como compañeiro.
Descargar todas as imaxes

Máis información