Escoitar

O goberno de Vigo ultima humanizacións por máis dun millón de euros

Despois da Xunta de Goberno Local celebrada este venres, o alcalde deu conta dos principais asuntos, entre os que subliñou a toma de coñecemento das actas de comprobación de replanteo de distintas obras, que xa están en marcha, por importe superior ao millón de euros e un emprego creado estimado en 140 traballadores.

venres, 17 abr 2015
A principal das reformas que pasaron pola Xunta de Goberno Local deste venres é a humanización de Juan Ramón Jiménez, o ascensor inclinado que unirá Menéndez Pelayo con Camelias, que conleva un investimento de medio millón de euros e a previsión estima que estará finalizado no mes de xuño.

Ademais, Caballero informou da humanización de Pazos e Entronque (con 145.000 euros de investimento e finalización prevista para mediados de maio), Saa (por 68.000 euros e remate a finais deste mes), Baixada a Ríos e Doutor Corbal (con 91.000 euros de importe e traballos practicamente rematados, posiblemente concluidos a próxima semana), Ramón Nieto, fronte ao Mercado de Cabral (cun investimento de 150.000 euros e tamén a punto de concluir as obras), o tramo entre Portanet e Clara Campoamor da Avenida de Castrelos (por 171.000 euros e finalización prevista para finais de abril) e a humanización da Avenida Hispanidade, entre a Gran Vía e Zamora (cun orzamento de 108.000 euros e prazo estimado de obras ata mediados de maio).

A Xunta de Goberno Local deste venres tamén validou as bases e convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións e entidades de carácter social, sen ánimo de lucro, para a realización de actividades no área dos servizos sociais, programa municipal que ten un importe de 50.000 euros. Caballero tamén deu conta da clasificación de ofertas para a contratación do subministro de case 250 novos bancos e da aprobación do proxecto de convenio para conceder 146.250 euros de subvención á Federación de Bandas de Música Populares para a organización e realización este ano dos programas "Vigo, un mar de bandas" e "Aulas de música nas bandas".