Escoitar

Apertura exposición "M-eu-mar" de Xan Vieito na Casa das Artes

Este xoves 16 de abril, ás 20:00 h, terá lugar na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a apertura da exposición "M-eu-mar" de Xan Vieito, promovida pola Concellería de Cultura, Festas e Museos.

xoves, 16 abr 2015
1429187407expomar.jpg
"M-eu-mar" é unha comunión entre o mar e o artista, entre o artista e o mar, a través do tempo e do coñecemento mutuo. O mar exprésase a miúdo de distintos xeitos. Durme, brinca, chora, ri, ama, berra, alporízase, …ou reláxase pracidamente ao atardecer. Nos tempos longos, se é que existen, dalle tempo a iso e a moito máis, dalle tempo, tamén, a facer fermosos traballos de deseño sobre vellas cunchas ás que se lle escapou a vida, transformándoas e dándolles unha vida nova. Pero é nos tempos curtos, nos tempos das mareas, cando ao mar lle gusta conversar, cando manifesta a súa capacidade artística a quen sabe entendela, cando debuxa, pinta ou esculpe sobre a area ou sobre a rocha. Liñas, labirintos, nubes, árbores, inmensas fragas son ao mesmo tempo xogos e anceios do mar. O único que pode facer o artista ante tanta marabilla é só extasiarse e tentar amosarllo ao mundo. O mar cóntalle cousas ao artista e este cóntalle cousas ao mar. O vello caparazón dunha cuncha sérvelles a ambos para acadar un diálogo agarimoso no que se entrelazan os sentires do mar e do home, no que ambos os dous disfrutan, no que o mar é artista e o artista é mar.

"M-eu-mar" é, en síntese, unha obra teatral en tres actos na que se amosa o camiño percorrido polos dous para acadar esta comunión artística. No acto primeiro o mar conversa co artista nos tempos curtos, decora o escenario con fermosos debuxos e baixorrelevos e entrégalle ao artista unha vella cuncha traballada a través do tempo. No acto segundo o artista dialoga co mar a través da cuncha dándolle vida a unha fábula, a un conto, a un poema. No acto terceiro a fábula, o conto, o poema voltan ao mar e éste sorrí de ledicia co agasallo. Péchase o pano…

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 17 de maio.
Descargar todas as imaxes

Máis información