Vigo acolle o luns a gala dos Premios Max das Artes Escénicas

venres, 2 mai 2003

O coreógrafo Ramón Oller presentou as características da gala da VI edición dos Premios Max das Artes Escénicas que terá lugar o próximo luns, 5 de maio, no teatro do Centro Cultural de Caixanova e que conta coa colaboración do Concello de Vigo. Na presentación tamén estivo o alcalde Lois Castrillo e Javier Vidal, delegado xeral da SGAE en Galicia. Os galardóns, instaurados pola Sociedad General de Autores y Editores teñen como fin promocionar e reivindicar o mundo do teatro, a danza e o circo nas súas diferentes expresións.

O Concello remata a rehabilitación dos muíños do río Eifonso

venres, 2 mai 2003

O alcalde de Vigo visitou os muíños situados á beira do rio Eifonso, na parroquia de Bembrive, que acaban de seren rehabilitados polo Concello. A Concellería de Patrimonio Histórico foi a impulsora da recuperación deste conxunto etnográfico, un proxecto que contou co apoio da entidade local da parroquia.

O alcalde ratifica que o Concello é titular dos viais públicos de Coia

martes, 29 abr 2003

O alcalde, Lois Castrillo, ratificou que os viais públicos de Coia son de titularidade municipal despois de comprobar que se fixo efectiva a cesión ao Concello dos que foron construídos por outras administracións. O alcalde envioulle unha circular a todos os servicios municipais comunicándolles que teñen que facerse cargo do mantemento de todos os servicios públicos situados nos viais públicos do barrio.

Teatro na rúa con motivo dos premios Max

luns, 28 abr 2003

A celebración da gala da VI edición dos Premios Max no centro cultural Caixanova converterá a cidade de Vigo na capital teatral do Estado. Os días previos á gala, que será o luns 5 de maio, os vigueses poderán disfrutar de espectáculos de teatro na rúa organizados polo Concello que animarán as zonas centrais, portuarias e de praia da cidade. O alcalde Lois Castrillo e Mercedes Pascual, co-directora da productora Anexa, presentaron a semana de teatro na rúa con actuacións de grupos procedentes de Cataluña, Euskadi e Galicia.