Escoitar

O alcalde e o Secretario Xeral de Innovación comprometen "cooperación" para difundir en Vigo as políticas de emprego do Ministerio de Ciencia

O alcalde, Abel Caballero, e o Secretario Xeral de Innovación, Juan Tomás Hernani, acordaron este xoves que a páxina web municipal inclúa todas as axudas á innovación das que dispón a Secretaria, e ambas institucións colaborarán de forma "máis estreita e mellor" para que o Concello ofreza as políticas de emprego e emprendemento do Ministerio de Ciencia. Hernani asegurou que a actividade económica en Galicia do seu departamento triplicouse nos últimos anos.

xoves, 24 mar 2011
1300974455innovacion.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o Secretario Xeral de Innovación, Juan Tomás Hernani, comprometéronse hoxe xoves a que a páxina web municipal ofreza á cidadanía as axudas da Secretaría, e estreitarán a "cooperación" para difundir en Vigo as políticas de emprego e emprendemento do Ministerio de Ciencia.

Hernani visitou este xoves o Concello de Vigo, onde presentou ante distintas autoridades e institucións tecnolóxicas galegas as estratexias estatais en materia de innovación, en particular sobre os sectores conserveiro, da automoción e do naval.

En declaracións aos medios, o Secretario Xeral de Innovación asegurou que o Ministerio triplicou a súa actividade económica en Galicia nos últimos anos, acadando en 2010 os 75,5 millóns de euros. Subliñou o responsable estatal a participación do Ministerio no Campus do Mar liderado pola Universidade de Vigo.

De cara ao 2011, a capacidade de oferta está "lista" para as empresas e os recursos do Ministerio para programas de innovación ascenden nun 15% con respecto ao pasado ano. Tamén mantén a Secretaría os créditos ao 0% para "manter o impulso á innovación", afirmou Hernani. A nivel estatal, as 4.000 actuacións financiadas crean en torno a 64.000 postos de traballo.

O alcalde, Abel Caballero, asegurou que "o futuro da industria de Vigo" pasa pola innovación, con particular relevancia para o programa de axudas do Goberno de España. Agradeceu Caballero a presenza en Vigo do Secretario Xeral de Innovación, visita á que concedeu "gran importancia".
Descargar todas as imaxes