Escoitar

Medioambiente organiza unha prantación para a infancia de 200 árbores autóctonas no renovado humidal de Muíños

A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, presentou hoxe xoves esta iniciativa cun dobre obxectivo: a recuperación do arborado autóctono polo Dia Mundial da Árbore e a rehabilitación do humidal de Muíños. Neste espazo, o Concello xa limpou 900 toneladas de escombro, especies invasoras etc que permitiu a repoboación da fauna. A edil invitou a pais e fillos a participar o próximo domingo nesta actividade.

xoves, 24 mar 2011
1300974426chus.jpg
A concelleira de Medioambiente, Chus Lago, anunciou hoxe xoves que o próximo domingo terá lugar unha prantación de arborado autóctono no humidal de Muiños, a cargo dos nenos e nenas que, coas súas familias, queiran participar.

Segundo explicou, o Concello dispón de 200 exemplares con características específicas para o entorno no que se atoparán, unha acción coa que pretende que a infancia contribúa á recuperación que leva adiante o goberno local dos humidais vigueses e celebrar ao tempo o Día Mundial da Árbore.

Chus Lago detallou que os técnicos municipais retiraron 900 toneladas de escombro, maleza e especies invasoras deste humidal, permitindo a rexeración das augas e a repoboación dos patos no entorno. Tamén quedou habilitado un perímetro circular con 800 metros para o paseo da cidadanía.

A concelleira invitou a todos os nenos e nenas que queiran participar a achegarse á zona o próximo domingo, na compaña das súas familias, para axudar no dobre obxectivo desta actividade medioambiental. Recordou Lago que o Concello actuou e continúa traballando na revalorización de humidais como o de A Bouza e Barreiros.

Camiño a Camiño
Por mor da hora do planeta -que terá lugar o próximo sábado-, o programa da Concellería de Medioambiente "Camiño a Camiño" organiza para esta fin de semana unha ruta nocturna, con especial atención e información ás estrelas e á contaminación lumínica.

Os asistentes recibirán unha ficha con información "sinxela e interesante" sobre as principais constelacións e máis datos sobre o ceo. Medioambiente prepara tamén outras fichas para próximos percorridos, editando un total de 20.000 exemplares.
Descargar todas as imaxes