Vigo acolleu o acto de Promesa de Lealdade á Bandeira Arxentina

luns, 22 xuñ 2026

O alcalde participou este mediodía no acto de Promesa de Lealdade á Bandeira Arxentina organizado polo Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo. Durante a súa intervención, o rexedor deu a benvida ás 38 persoas participantes, entre nenos, mozos e adultos procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, León e Zamora, e destacou os fortes vínculos históricos, culturais e humanos que unen Vigo e Arxentina. Caballero puxo en valor a importante achega da comunidade arxentina á vida social e económica da cidade e trasladou o compromiso de Vigo coa convivencia, a diversidade e o fortalecemento das relacións entre ambos pobos.

Abel Caballero apoia as reivindicacións do persoal da quenda de oficio

luns, 22 xuñ 2026

O alcalde reuniuse este luns con María Jesús Martínez Borjas, presidenta de Marea Negra Jurídica, a plataforma en defensa da quenda de oficio; e Eduardo Suárez Ruibal, nun encontro no que participou a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar. Caballero trasladoulles o seu apoio ás reivindicacións pola dignificación da quenda de oficio, entre elas, a actualización dos baremos das retribucións que perciben e que están reclamando á Xunta de Galicia. Amais, trasladáronlle o seu malestar polos cambios introducidos por dous grupos políticos na proposición de lei que acaba de aprobar o Congreso dos Deputados e que permitirá aos mutualistas a transferencia dos seus dereitos económicos acumulados ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos. Coas emendas presentadas, empeoran as súas condicións nunha reclamación histórica do colectivo.

A cidade conmemora o Día Mundial do Refuxiado e o Día de Uruguai

venres, 19 xuñ 2026

O Concello súmase este venres, 19 de xuño, á celebración do Día Mundial do Refuxiado iluminando de azul as fontes da rúa Aragón. É unha xornada na que se quere honrar ás persoas que nalgún momento se viron e se ven forzadas a fuxir do seu país ou lugar. Ademais, esta noite tamén se ilumina de azul e branco a fonte das Illas Baleares en conmemoración do Día de Uruguai.

O alcalde saúda ao alumnado graduado da Escola de Imaxe e Son e do Campus Politécnico Aceimar

venres, 19 xuñ 2026

Abel Caballero asistiu este venres á graduación de 80 estudantes da Escola de Imaxe e Son de Vigo e do Campus Politécnico Aceimar, celebrado no Auditorio municipal da Praza do Rei. O acto serviu como homenaxe ao alumnado que finaliza a súa etapa formativa nos dous centros e tanto o profesorado como as familias compartiron recoñecementos e lembraron momentos representativos deste período académico. Caballero feliciotunos polo traballo realizado e desexoulles todo o éxito na seguinte etapa vital.