O Trofeo Concello de Vigo-Copa de España de Kaiak de mar reunirá esta fin de semana a 510 piragüistas
A proba, clasificatoria para o campionato europeo que se celebrará o 30 de agosto na localidade francesa de Brest, contará coa participación de deportistas de 12 comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. O alcalde presentou hoxe o torneo que se celebra os próximos sábado 27 e o domingo 28 no campo de regatas de Rande.
Abel Caballero destacou este martes que o trofeo, organizado polo Concello, a Federación Española de Piragüismo e Abanca, volve situar a Vigo como epicentro nacional do kaiak de mar por contar coa participación dos mellores piragüistas nacionais das categorías cadete, infantil, sénior e veteranos.
Na presentación da terceira Copa de España de Kaiak de mar, que se celebrará sobre unha distancia de 15 quilómetros no campo de regatas de Rande, participaron o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, así como José Alfredo Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo; Carlos Pérez, presidente de Marinetea; Alfonso Mandado, Manuel Pedro Seoane, África Seoane e Antonio Iglesias, comodoro, secretario xeral e vogais do Club Marítimo de Vigo, así como Luis Romero Quiroga e Pablo Louro, en representación de Abanca e Gadis.
A competición mobiliza a máis de 1.000 persoas, entre deportistas e as súas familias, segundo avanzou o portavoz dos organizadores ao animar á cidadanía de Vigo a asistir esta fin de semana á cita deportiva de carácter nacional.