luns, 22 xuño 2026

O alcalde felicita ao servizo de limpeza pola décima vasoira de platino

Un recoñecemento á cidade pola dixitalización do servizo e a xestión intelixente da limpeza por rúas, zonas e barrios. Esta información permite optimizar os recursos e focalizar as actuacións onde son máis necesarias, incrementando a eficacia do servizo e mellorando os resultados. Abel Caballero Caballero lembrou que o dispositivo municipal de limpeza atende unha rede de 2.303 quilómetros e presta servizo aos preto de 300.000 habitantes da cidade, garantindo a conservación e mantemento do espazo público. “O conxunto da cidade sabe que Vigo unha cidade limpa”, afirmou.

Abel Caballero apoia as reivindicacións do persoal da quenda de oficio

luns, 22 xuñ 2026

O alcalde reuniuse este luns con María Jesús Martínez Borjas, presidenta de Marea Negra Jurídica, a plataforma en defensa da quenda de oficio; e Eduardo Suárez Ruibal, nun encontro no que participou a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar. Caballero trasladoulles o seu apoio ás reivindicacións pola dignificación da quenda de oficio, entre elas, a actualización dos baremos das retribucións que perciben e que están reclamando á Xunta de Galicia. Amais, trasladáronlle o seu malestar polos cambios introducidos por dous grupos políticos na proposición de lei que acaba de aprobar o Congreso dos Deputados e que permitirá aos mutualistas a transferencia dos seus dereitos económicos acumulados ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos. Coas emendas presentadas, empeoran as súas condicións nunha reclamación histórica do colectivo.

Vigo acolleu o acto de Promesa de Lealdade á Bandeira Arxentina

luns, 22 xuñ 2026

O alcalde participou este mediodía no acto de Promesa de Lealdade á Bandeira Arxentina organizado polo Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo. Durante a súa intervención, o rexedor deu a benvida ás 38 persoas participantes, entre nenos, mozos e adultos procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, León e Zamora, e destacou os fortes vínculos históricos, culturais e humanos que unen Vigo e Arxentina. Caballero puxo en valor a importante achega da comunidade arxentina á vida social e económica da cidade e trasladou o compromiso de Vigo coa convivencia, a diversidade e o fortalecemento das relacións entre ambos pobos.