O Auditorio Municipal proxectará o documental "Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade"
Será o mércores 1 de xullo, ás 19:00 h, con entrada libre até completar aforo. O Goberno local tamén programará outra proxección a partir de outubro para dar a coñecer aos escolares a traxectoria da recoñecida fotógrafa.
Mary Quintero está recoñecida coma unha das grandes fotógrafas e retratistas de estudo. Ao longo das décadas, viu transformar os instrumentos do seu oficio, pasando do branco e negro á cor e do eido analóxico ao mundo dixital. Considerada unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia, foi a primeira en utilizar en España o proxector de fondos e o retoque fotográfico. O seu traballo foi recoñecido con numerosos premios, entre eles o Premio "Mejor Fotógrafo de España", outorgado no II Congreso Nacional de Fotografía en 1981, e a “Medalla de Bronce de Galicia” no ano 2002.
Dende os anos 50 do século pasado estableceu o seu estudo fotográfico na cidade de Vigo. Foi pioneira na elaboración dunha nova técnica de retoque para a fotografía en cor. Conseguiu ser recoñecida como unha das profesionais máis relevantes da fotografía de estudio e a máis prestixiosa retratista galega. Retirada desde o ano 2002, posúe un arquivo de máis de 700.000 imaxes dixitalizadas.
Agora, preto a cumprir os 95 anos e con motivo de recoñecer toda a súa traxectoria e achegas ao mundo da fotografía, tense elaborado o documental “Mary Quintero. Máis de 90 anos de creatividade”. Un dos seus obxectivos é dar a coñecer a súa figura e o seu traballo ao longo de décadas na nosa cidade ás novas xeracións.