ProVigo aborda o desenvolvemento marítimo industrial nas xornadas "Vigo ante o seu Futuro"

luns, 16 nov 2015

O alcalde, quen asistiu á inauguración este luns, asegurou que o complexo mar-industria é unha cuestión "da maior importancia" ao superar "con moito" esta actividade en Vigo á doutros países europeos. Caballero avogou por constituir un grupo mar-industria que defenda os seus intereses ante Europa, en particular no tocante á regulación, "importante para Vigo e para o emprego".

Abel Caballero avoga polo estudo crítico do cambio de ciclo político actual

venres, 6 nov 2015

O rexedor asistiu na mañá deste venres ás XIX Xornadas de Outono "Debates e propostas sociais ante o cambio de ciclo político", que se desenvolveron no Auditorio do Centro Social Afundación, nas que animou aos participantes a "estudar ben o que acontece neste contexto de cambio político en España", especialmente nas propostas programáticas das novas formacións que apostan porque "manden os mercados monetarios mentres nós propoñemos que quen ten que mandar é a democracia". Caballero considerou interesantes as propostas sociais e debates deste foro no que participan persoas do ámbito académico, xurídico e institucional de diferentes países sobre dereito, traballo e formación do ámbito laboral. O encontro está organizado por Xustiza e Sociedade de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo

O Concello amosa o seu apoio á flota do cerco a través dun cartel no barco Alfageme

xoves, 5 nov 2015

Dende este xoves o barco Bernardo Alfageme, situado na rotonda de Coia, loce dúas pancartas, unha a babor e outra a estribor, que amosan o respaldo da cidadanía á pesca do cerco baixo o lema "Vigo apoia ao cerco galego. Por un reparto xusto". O alcalde explicou que cumpre así co compromiso que adquirira a semana pasada na xuntanza que mantivo con representantes da flota do cerco, unha actividade que Abel Caballero considera "un sinal de identidade desta cidade"e insta á Xunta de Galicia a que atenda as súas demandas.

O alcalde eloxia a actividade de Fundamar e ofrece cooperación para que Vigo siga liderando a pesca en Europa

martes, 3 nov 2015

Abel Caballero valorou este martes a celebración do quinto aniversario de Fundamar, un "feito da maior importancia" ao estar representados patronal e sindicatos "na procura dunha senda común" para o sector, en seguridade laboral, calidade no emprego, actividade económica e pesca responsable. O alcalde avogou por priorizar a pesca sobre intereses particulares e ofreceu a "cooperación" do Concello para que Vigo "siga liderando a pesca en Europa".

Abel Caballero ofrece "todo o apoio" ao presidente do porto de Vigo

martes, 3 nov 2015

"Nada desexa tanto o alcalde como escoitar que o Porto vai ben". Con esta premisa, o rexedor recibiu este martes ao novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, nun encontro cordial no que lle amosou o apoio do Concello á súa xestión, xa que considera que as dúas entidades deben traballar xuntas polo ben da cidade.