Vigo mobilízase masivamente para reclamar o AVE directo a Madrid

mércores, 14 xuñ 2017

Milleiros de persoas encheron a Porta do Sol na noite deste mércores para asistir ao concerto da Coral Casablanca e apoiar a convocatoria promovida polo Concello de Vigo esixindo aos gobernos de España e de Santiago o AVE directo Vigo-Madrid. Na súa intervención, o alcalde denunciou que Vigo, duodécima cidade peninsular, é a "única gran cidade de España sen AVE".

O alcalde defende a unión de Europa como unha fortaleza ante as crises

xoves, 8 xuñ 2017

No marco do seminario "O plan de inversións para Europa. Unha oportunidade de crecemento para Galicia", organizado pola Comisión Europea en España e o Banco Europeo, Abel Caballero situou a Vigo á cabeza da aposta "sempre pola integración en Europa, como cidade aberta que somos" e destacou a capacidade olívica de xerar oportunidade das crises sabendo arriscarse cando aparece un novo escenario. Referiuse tamén á necesidade de cooperación entre os países e cidades, apuntando que "Europa é o futuro e a unión fainos máis fortes".

Abel Caballero avoga polo traballo conxunto da cidade a prol da economía

martes, 6 xuñ 2017

Na apertura da xornada organizada por Provigo baixo o lema "Vigo ante o seu futuro", o alcalde salientou a importancia "central" do sector naval e pesqueiro que cualificou como "fortaleza" da economía viguesa e animou a todas as "pezas" da urbe a traballar xuntos para afrontar os retos nun momento no que a relación dos sectores produtivos coa cidade é "excepcionalmente boa". Así, animounos a limar a fricción no caso de que a houbese e alentou a todas as partes a impulsar unha recuperación que "se ve e se palpa". "Vigo é e será tanto como sexa a nosa economía", apuntou ao inicio dunha sesión de arredor da pesca e o sector naval que contou coa participación de Javier Touza, presidente de ARVI, Marcos Freire, director xeral de Freire Shipyard e José García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Vigo.