O Concello xa entregou desde o inicio da crise axudas por valor de 125.000€ a 1.700 familias
Abel Caballero informou este xoves de que o Concello de Vigo xa atendeu a máis de 1.700 familias para proporcionarlles todo tipo de axudas de emerxencia ante a crise do Covid-19. Ademais, o servizo de entrega de comidas atende a 400 vivendas ao día e no pavillón do Berbés xa son 30 as persoas acollidas.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves de que o Concello de Vigo xa repartiu, desde o inicio da crise do Covid-19, máis de 1.700 axudas de emerxencia. Entre elas están 1.033 becas de comedor, case 500 tarxetas de alimentos, 98 facturas de aluguer e hipotecas, 41 de auga, 5 de comunidades, 21 de farmacia e 40 de luz e gas.
“Seguiremos facendo chegar estas axudas de emerxencias para todos aqueles que lo necesitan”, sinalou o rexedor antes de explicar que “todo aquel que o precise ou que coñeza a xente maior ou a alguén en esta situación” pode chamar ao número 010 para dar conta.
No relativo ao pavillón do Berbés xa son 30 as persoas acollidas tras converter as instalacións como centro de acollida ante a crise do Covid-19. Caballero indicou que en total o Concello atende a 130 persoas sen fogar e sufraga todos os custes. A cidade conta cun total de 138 prazas dispoñibles (38 no albergue municipal, 38 na Fundación Santa Cruz, 38 no pavillón e 24 en pensións).
“Todos estes servizos son competencia da Xunta, que recibiu 17 millóns de euros hai cinco días para atender a esta xente. Non lle vou a recriminar nada, so digo que a Xunta non os atende e somos nos os que o facemos. Isto non será obxecto de debate, pero unicamente quero que a cidade saiba que é solidaria”, sinalou.
Becas de comedor e Servizo de Atención a Domicilio
Respecto ás 1.033 becas de comedor para nenos, só faltan por completar as contas correntes de 100 familias para facer os ingresos. “Garanto que en canto os nenos non teñan as comidas seguiremos facendo pagos, polo de agora son en total 50.000 euros”, indicou.
En canto ao dispositivo de reparto de comidas a familias en situación de vulnerabilidade, o luns chegaron ata 200 vivendas, o martes a 397 e este mércores e xoves está previsto a máis de 400.
A través deste reparto de comida que leva a cabo o Concello, foron localizados 10 usuarios para dar de alta de forma inmediata, tras a avaliación do traballador social, no Servizo de Atención Domiciliaria (SAD) que funciona todo o ano.