Vigo reúne nunha mesma plataforma as creacións artísticas locais

A partir do venres, 27 de marzo, os artistas locais que así o desexen poderán enviar as súas creacións á plataforma web confinarteconcultura.vigo.org, unha iniciativa municipal que ten por obxectivo reunir e difundir a creatividade local durante estes difíciles días de confinamento. O alcalde deu conta esta mañá dunha iniciativa cultural que se suma ao resto de medidas municipais adoptadas con motivo do coronavirus.

mércores, 25 mar 2020

O Concello de Vigo vén de poñer en marcha confinarteconcultura.vigo.org, unha plataforma web que permitirá reunir nun mesmo espazo todas as iniciativas artísticas que están a desenvolver os artistas locais desde o seu confinamento. Nestes días, temos asistido a multitude de iniciativas artísticas de todo tipo: cantantes que actúan desde as súas casas e que se poden seguir a través de distintos canais online, artistas que amosan as súas disciplinas desde os seus balcóns, escritores e escritoras que recitan os seus poemas nas súas redes sociais, actores e actrices que colgan as súas pezas en distintas webs ...

A partir do vindeiro venres día 27 de marzo estará dispoñible esta plataforma web á que se accederá a través do dominio http://confinarteconcultura.vigo.org na que os e as artistas profesionais da nosa cidade poderán propoñer vídeos nos que amosen as súas expresións artísticas no confinamento. Tratarase de vídeos curtos, que deberán estar gravados en formato horizontal, cun peso máximo de 500 MB e unha duración máxima de 5 minutos. Poderán propoñerse vídeos nos que se amosen diferentes disciplinas da arte e a cultura: música, teatro, danza, artes plásticas, fotografía, etc., pero terán que ser pezas gravadas no seu confinamento, vídeos caseiros gravados exclusivamente neste momento e con este fin.

A iniciativa pretende cumprir tres obxectivos. En primeiro lugar, "confinar" nunha mesma plataforma todas as iniciativas que estamos a ver estes días nas redes de artistas de Vigo, en segundo lugar, difundir a creatividade destes artistas desde o seu confinamento e, por último, ofrecer á cidadanía a oportunidade de ter acceso a contidos exclusivos gravados unicamente para este fin. Serán pezas artísticas únicas que o público terá a oportunidade de ver en primicia.

Os e as artistas profesionais que desexen participar nesta iniciativa poderán realizar as súas propostas a través da propia plataforma.