O Concello xa dá acollida a un total de 112 persoas sen teito

Abel Caballero informou este mércores de que o Concello de Vigo xa da acollida a un total de 112 persoas sen teito e ten dispoñibles outras 26 no pavillón do Berbés habilitada a última noite.

mércores, 25 mar 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores de que 12 persoas foron acollidas a noite pasada no primeiro día de funcionamento do pavillón do Berbés como centro de acollida ante a crise do Covid-19. Caballero indicou que en total o Concello xa atende a 112 persoas sen teito e sufraga todos os custes.

“Temos aínda 26 prazas máis dispoñibles para que o necesite”, sinalou o rexedor tras lembrar que no pavillón do Berbés hai 38 novas prazas de aloxamento destinadas a persoas en situación de vulnerabilidade. Así, a cidade conta cun total de 138 prazas dispoñibles (38 no albergue municipal, 38 na Fundación Santa Cruz e 24 en pensións).

A transformación das instalacións deportivas en centro de acollida comezou o luns coa desinfección do pavillón. Este martes ultimáronse os detalles coa colocación das camas e a división do centro deportivo en cinco zonas diferenciadas en base ás directrices do Goberno central.

Cinco zonas con distancias de seguridade

Así, hai unha zona de recepción individual para identificación de usuarios, onde se lles informará das normas de confinamento e de convivencia. Ademais, se lles entregará un kit de hixiene e se lles dará paso á zona obrigatoria de ducha. Aquí, recibirán un albornoz e zapatillas de baño.

Na zona de pernocta hai 38 camas con medidas de seguridade, igual que no lugar de comedor e ocio. Por último, está prevista unha zona de illamento por se houbese algún caso positivo de coronavirus.

Caballero explicou tamén que o albergue municipal, situado a escasos metros, será o encargado de servir a comida e que o persoal destinado á atención dos usuarios será un equipo multidisciplinar formado por 20 persoas con catro perfís (traballadores sociais, técnicos de inclusión social, psicólogos e educadores sociais).

“Non queremos a ningén na rúa e desta forma damos acomodo ás persoas coa dignidade que merecen”, apuntou.