Escoitar

A Policía Local denunciou a 249 persoas por saltarse o decreto de alarma desde o pasado día 14

O alcalde deu conta esta mañá de que a Policía Local impuxo onte luns 35 novas denuncias por non cumprir o decreto de alarma, o que eleva as sancións a 249 desde o pasado 14 de marzo. Logo de afear a conduta ás poucas persoas que non cumpren o confinamento, avanzou que as sancións pretenden defender a saúde de toda a cidadanía.

martes, 24 mar 2020

A Policía Local impuxo onte luns 35 denuncias, o que eleva a 249 o total de sancións impostas desde que se decretou o estado de alarma, o pasado 14 de marzo. Nunha xornada na tamén 8 persoas foron advertidas, 138 identificadas e 385 vehículos controlados. Algunhas das intervencións foron por persoas bebendo na rúa, outras por estar facendo obras nunha segunda residencia ou por exceso de afluencia de xente na oficiña de correos de Jenaro de la Fuente.

Logo de reiterar a necesidade de ser moi escrupulosos co cumprimento do estado de alarma, Caballero felicitou “á inmensa maioría da cidadanía” por manterse na casa e saír o mínimo posible e sempre mantendo as distancias de seguridade. “Quedarse nasa é un comportamento heroico”, dixo, afeando aos incumpridores a súa actitude aos que advertiu que as sancións son para defender a súa saúde e do resto da xente.

O obxectivo, engadiu, “é cooperar para salvar a vida de todos os cidadáns, todos xuntos, illados, pero animicamente xuntos cada un desde a súa casa, desde o seu espazo”. Reiterou o seu agradecemento no nome de toda a cidade a todas aquelas persoas que permiten manter os espazos sanitarios ou de alimentación, “moitas grazas no nome de Vigo”.