Escoitar

O alcalde alerta aos infractores: “Poñen en risco a súa saúde e a dos demais”

Abel Caballero agradeceu e recoñeceu o civismo “da inmensa maioría da cidade” no cumprimento das normas do estado de alarma, mais lamentou o “significativo” número de denuncias impostas: 34 este domingo. “Non imos deixar que ninguén atente contra a saúde colectiva”, advertiu.

luns, 23 mar 2020

O rexedor vigués deu conta este luns do resultado dos controis realizados en Vigo o día anterior polo exército e as policías Local e Nacional, que se saldou con 34 persoas denunciadas por incumprimento do confinamento decretado no estado de alarma, estando algúns de paseo ou incluso de festa.

O número de sancións está a ser “significativo”, en palabras de Caballero, quen quixo “agradecer e felicitar á inmensa maioría da cidade polo seu comportamento” e alertar de que continuará perseguíndose e multándose aos incívicos, “porque poñen en risco a súa saúde e a saúde dos demais; non imos toleralo”, aseverou.

Tráfico

modo de exemplo do comportamento xeral da cidadanía, o alcalde ofreceu datos do tráfico rexistrado na Avenida de Madrid onte e o domingo de hai dúas semanas. A comparativa mostra unha caída de ata o 90% no número de vehículos que entraron na cidade.

Nos carrís centrais da Avenida, onte circularon 697 vehículos polos 6.899 do domingo 8, unha caída “extraordinaria” do 90% no tráfico. Polos viais laterais de acceso, a caída foi do 86%: pasaron onte 1.465 vehículos, cando dúas semanas antes superaron lixeiramente os 10.000.

A caída rexistrada no tráfico é “moi importante”, subliñou o rexedor, quen trasladou novamente o seu “agradecemento e felicitación” aos que manteñen un comportamento civilizado, recordou que “temos que quedar na casa” e advertiu de que continuarán os controis a persoas e vehículos: “Está en xogo a saúde da xente e non imos deixar que ninguén atente contra a saúde colectiva”.