Escoitar

Vigo xa conta con máis de 600 voluntarios para atender a persoas vulnerables

Abel Caballero avanzou este venres que o Concello xa conta con máis de 600 vigueses rexistrados no servizo de voluntariado posto en marcha para atender a persoas vulnerables. Actualmente, desde a Oficina de Voluntariado xa están contactando cos primeiros inscritos para iniciar un curso de formación.

venres, 20 mar 2020
Voluntariado.
Voluntariado.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres de que o Concello xa traballa co servizo de voluntariado para iniciar un curso de formación. Así, o rexedor indicou que a primeira hora da mañá xa estaban rexistradas un total de 635 persoas dispostas a realizar tarefas de axuda a persoas vulnerables.

Desde a Oficina de Voluntariado xa remitiron aos primeiros inscritos un manual para que coñezan os seus dereitos e deberes. Ademais, a través da Cruz Vermella iniciouse un curso de formación online para identificar os riscos de contaxio debido a pandemia do Covid-19.

Entre os voluntarios xa anotados existen numerosas persoas con formación sanitaria que poderán axudar aos efectivos de Protección Civil nos desprazamentos que realicen a domicilio. Tamén existen un bo número de psicólogos e traballadores que poderán traballar a través de Benestar Social para servizos de Teleasistencia.

O Concello de Vigo xa está en contacto con distintas entidades sociais activas para coñecer as súas demandas actuais e previsión de necesidades a corto e medio prazo. Desde organizacións como Cáritas, Cruz Vermella, Érguete, Protección Civil ou Fundación Provivenda, entre outras, informan das súas necesidades.

En base ás principais necesidades manifestadas polas entidades e polos distintos servizos municipais do concello, a Oficina de Voluntariado xa está a contactar coas persoas que se ofrecen coma voluntarias para organizar, de ser necesario, aquelas tarefas que así o requiran.

Para garantir a saúde da cidadanía, as persoas voluntarias que sufran patoloxías previas ou que estean enmarcadas nos colectivos de risco que queiran participar nesta inicitiva, unicamente poderán desenvolver tarefas de atención telefónica continuada para acompañamento e detección inmediata de necesidades.

Poden apuntarse as persoas maiores de idade a través do formulario ao que se pode acceder desde a portada da web do Concello.

Descargar todas as imaxes