Escoitar

O alcalde recorda que estamos nunha situación “moi difícil” e pide responsabilidade

A Policía Local impuxo 25 novas sancións este mércores, deixando un total de 323 denuncias desde o 16 de marzo. O alcalde reiterou este xoves que os axentes continuarán garantindo o cumprimento en Vigo do estado de alarma “para garantir a seguridade, para garantir a vida da xente”

xoves, 26 mar 2020

A Policía Local viguesa tramitou onte mércores 25 denuncias por incumprimento do estado de alarma, elevando o total de sancións impostas a 323 desde o pasado luns, 16 de marzo. No acumulado total, segundo as cifras reveladas por Caballero, os axentes identificaron a 1.230 persoas e fixeron controis en 2.732 vehículos.

“Isto é para garantir a saúde, para garantir a vida da xente. Estamos nunha situación moi difícil e temos que ser responsables e por iso a Policía seguirá facendo o seu traballo”, insistiu Abel Caballero, quen confiou en que as cifras de denuncias sexan progresivamente inferiores.

Guindastre e controis

O alcalde quixo aclarar este xoves que o guindastre municipal non traballa en condicións habituais senón que actúa “soamente en casos de emerxencia”, por exemplo, para retirar vehículos estacionados en vados, no acceso a algunha finca ou en zonas de carga e descarga -que tamén empregan agora os sanitarios-. Por outra banda, Caballero explicou que non se están realizando controis de velocidade móbiles e que os radares de velocidade fixos continúan funcionando con normalidade.