Escoitar

O pago no autobús urbano vigués, só con tarxeta desde este sábado

Abel Caballero confirmou que hoxe venres é o último día no que se permite comprar o billete en metálico: desde este sábado, o acceso será en exclusiva con PassVigo ou tarxeta análoga mentres dure o estado de alarma. A finalidade da medida é diminuír o risco de contaxio suprimindo o intercambio de efectivo.

venres, 27 mar 2020

Avanzada polo alcalde hai uns días, o veto a moedas e billetes no autobús urbano vigués entra en vigor este sábado e manterase mentres estea en vigor o estado de alarma decretado pola emerxencia do coronavirus.

Informouno este venres Abel Caballero, quen recordou que xa se pode solicitar a Vitrasa unha tarxeta moedeiro que substitúa ao efectivo (no 986 919 299 se dará indicacións e unha cita para recollela). Onte foron entregadas 60 e para hoxe venres están citadas outras 71 persoas.

Esta é outra das decisións tomadas para intentar rebaixar o risco de contaxios no autobús. O condutor polo tanto non intercambiará efectivo cos viaxeiros e ademais a porta e a máquina de pago situadas na parte dianteira do autobús quedarán anuladas, sendo o acceso e pago exclusivamente pola porta central e/ou traseira do vehículo. Abel Caballero deu conta asemade da solicitude cursada este xoves polo Goberno de España sobre o número de condutores do autobús urbano de Vigo, para proporcionarlles máscaras de protección.

O Concello de Vigo quere adoptar “todas as cautelas” posibles no transporte colectivo, polo que decidiu limitar o aforo do autobús ao 30% da súa capacidade máxima para manter as distancias mínimas de seguridade, non se poden ocupar as primeiras filas do vehículo e se debe deixar unha butaca libre de separación entre os usuarios. As liñas aos hospitais son cubertas por un articulado tipo “eiruga” cun segundo autobús habitual detrás, igualmente para asegurar a distancia de seguridade.