Vigo.org ofrece táboas de exercicios para realizar actividade física na casa
O alcalde deu conta esta mañá da adaptación do programa Síntome Ben para que a xente poida facer exercicio na súa casa. A páxina web municipal recolle táboas con programas deportivos deseñados por profesionais para todos aqueles interesados.
O Concello de Vigo ofrece na súa páxina web táboas de exercicios deseñadas por profesionais para todos aqueles interesados en facer exercicio físico na casa. Deste xeito, adáptase o programa que se estaba a desenvolver na Casa da Xuventude, Síntome Ben, durante este tempo de confinamento.
Contactouse con todos os usuarios desta iniciativa para enviarlles táboas de exercicios e recomendacións, ademais de enlaces a vídeos para que os poidan seguir desde a casa. O programa está colgado na páxina web do Concello e todos aqueles interesados en recibir información no seu propio correo poden solicitada a través do 010.
O alcalde deu conta doutra iniciativa similar, neste caso, dos centros Máis que auga, que tamén se suman a esta iniciativa de mellorar a calidade de vida das persoas en confinamento. Ofrecen clases virtuais a través da súa páxina web para socios e tamén conta con actividades en aberto para todos os que decidan sumarse.