Escoitar

Inauguración da exposición "Estratexias urbanas deslocalizadas. Un proxecto de LIBA colectivo" na Casa Galega da Cultura

Investigar a cidade, as diferentes relacións políticas, económicas, persoais e físicas que nela se establecen é un dos principais obxectivos deste proxecto. Liba Colectivo pretende expandir, dalgún xeito, os espazos de produción e exhibición artísticos no ámbito urbano, converténdoos en cómplices da práctica artística. A exposición "Estratexias urbanas deslocalizadas. Un proxecto de LIBA colectivo" poderase ver na Casa Galega da Cultura de Vigo do 13 de novembro ó 13 de decembro, está organizada pola Concellería de Cultura e pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes da Universidade de Vigo.

xoves, 12 nov 2009
1258030839andreajambrina.jpg
Andrea Jambrina
Mediante unha serie de itinerarios propostos por cada un dos 16 artistas, o visitante poderá descubrir unha parte, non necesariamente turística, da cidade de Vigo "unha cidade dentro doutra cidade" como diría Italo Calvino nas súas Cidades invisibles. Esta oferta cultural pretende converterse nunha alternativa low-cost creando rutas de busca artística da cidade. O espectador
deste xeito convértese en performer cómplice das premisas que os artistas propoñen descubrindo aspectos que pasan inadvertidos, paisaxes alternativas da cidade e mesmo pequenos lingotes de ouro que permaneceran escondidos ata que algún espectador aventurado os descubra.

LIBA preséntase como un colectivo artístico emerxente que nace no seo do último bienio 2008/10 de Doutorado, ofertado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, na Universidade de Vigo. Nese contexto dezanove mozos artístas únense para desenvolver parte da súa expresión artística a partir da creación e investigación en Belas Artes. O traballo de cada un dos compoñentes levou finalmente á formación dunha tendencia conxunta, a cal radica no encontro e posta en común de múltiples cuestións e inquietudes, que atinxen e deciden a futura traxectoria de creación e a investigación propiamente artísticas.


Intentando abordar a investigación como unha disciplina transversal aproximámonos a ela cautelosamente. O colectivo traballa diferentes linguaxes artísticas vinculadas a moi diversas liñas de investigación. Únenos o feito de repensar e re contextualizar o noso papel como produtores culturais no século XXI, a necesidade de encontrar un método útil e o desexo de afastarnos, na medida do posible, das prácticas endogámicas e autorreferenciais. Formalmente esta interdisciplinariedade é utilizada como ferramenta de traballo, o que nos converte en performers, programadores, escultores, axitadores de masas, xestores, activistas e investigadores. Esta inquietude materializouse en varios proxectos relacionados coas novas tecnoloxías, a produción crítica e a investigación na práctica artística colaborando, entre outros, co Centro de Arte LABoral (Gijón) e a Fundación Serralves (Porto).


Integrantes de LIBA:
* Adrio, Juan
* Caluori, Carolina
* Castellanos, María
* Cortés, Eva
* Cortizas, Olalla
* Estrada, Sandra
* Fiestras, Basilisa
* Francisco, Jose
* Jambrina, Andrea
* Loureiro, David
* Magán, María
* Marco, María
* Maseda, Alejandro
* Moldes, María
* Morandeira, Lucía
* Morera, Joan
* Peregrino, Paco
* Sieiro, Beatriz

HORARIO:
Luns a venres: 18.00 – 21.30 h
Sábados: 11.00 – 14.00 h, 18.00 – 21.30 h
Domingos e festivos: 11.00 – 14.00 h
1258030839andreajambrina.jpg
1258030864carolinacaluori.jpg
1258030892mariamarco.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información