Escoitar

Santi Domínguez anuncia que o alumeado de Nadal se encenderá este ano o 4 de decembro

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, avanzou este mércores que o encendido do alumeado de Nadal será o vindeiro 4 de decembro. O nacionalista adiantou esta data tras a xuntanza que mantivo esta mañá cos representantes das asociacións de comerciantes de Vigo e a preguntas dos medios subliñou que o sistema de alumeado contará con todos os "requisitos esixidos pola lei" relacionados coa seguridade.

mércores, 11 nov 2009
1257958843alumeado.JPG
O tenente de alcalde explicou, en resposta aos medios, que a empresa encargada de instalar o alumeado é Imes, a mesma que ten a concesión do alumeado público da cidade. Respecto á seguridade, Santi Domínguez subliñou que a empresa "cumpre todos os requisitos esixidos pola lei".

Por outra banda, o nacionalista sinalou que na xuntanza tamén se deu conta das axudas á familias postas en marcha pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio para potenciar o consumo nos pequenos e medianos establecementos da cidade. Salientou que os comerciantes expresaron a súa satisfacción ao respecto, posto que as axudas supoñen "a incorporación de 1.200.000 euros". A reunión tamén serviu para explicarlles a nova convocatoria que está en curso, tamén de 1.200.000 euros, que ten por obxectivo "fomentar o emprego e a formación e paliar as posibles perdas por mor das obras", afirmou.

"Trátase dun esforzo moi importante dende Tenencia de Alcaldía para que un sector tan importante como é o pequeno e mediano comercio afronte a crise", asegurou Santi Domínguez. O tenente de alcalde destacou asemade que outro obxectivo da xuntanza é trasladar toda a información necesaria e aclarar todas as dúbidas posibles para que "non quede ningún establecemento de Vigo sen solicitar as axudas".
Descargar todas as imaxes