Escoitar

O Concello aprobou ata marzo investimentos que superan os 200 millóns de euros

O goberno municipal de Vigo mantén o liderado galego e nacional no pago aos seus provedores con 7,6 días da abono das facturas, segundo informou no Pleno ordinario deste luns o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jorge Aneiros.

luns, 27 abr 2026

O edil avanzou que entre os meses de xaneiro e marzo o executivo local autorizou un volume de gasto que ascende ao 50 por cento do orzamento en execución o que permite continuar coa programación necesaria para executar todas as obras, investimentos, contratos e subvencións que se teñen que desenvolver con cargo” ás contas do presente exercicio.

Aneiros detallou que o Goberno Municipal autorizou contratos por valor de máis de 132 millóns de euros e liberou máis de 9 millóns en subvencións. A estas cantidades hai que sumar máis de 44 millóns en execución en novos investimentos e a partida de axudas de emerxencia social para máis de 1.000 familias. “Atendendo a todas as necesidades da cidade”, recalcou.

O responsable da Concellaría de Orzamento e Facenda afirmou que o goberno municipal de Vigo executa todo o orzamento, planifica cumpre coas regras fiscais, “porque somos a cidade máis solvente, coa economía máis saneada e que máis e mellor atende ás persoas que o necesitan”.


Pagos

O edil indicou que o Concello realizou nos tres primeiros meses do ano un total de 1.252 pagos a provedores por valor de máis de 34 millóns de euros. Destacou que o período de abono das facturas é de 7,6 días. “Nunha semana Vigo paga aos provedores que cumpren co pactado no prego dos contratos”.

O prazo de pago mantén a Vigo como líder galego e nacional, recalcou Aneiros ao lembrar que o período de abono en Santiago de Compostela é de 77 días; de 54 en Ourense; de 22 na Coruña; de 15,8 en Barcelona e de 12,9 en Madrid.

Descargar todas as imaxes