O Pleno esixe á Xunta e á Deputación fondos para apoiar ao aeroporto de Vigo
A maioría dos corporativos aprobaron esta mañá unha moción socialista urxindo ao gobernos autonómicos e provinciais apoio para o aeroporto de Vigo. Esta iniciativa contou co voto favorable do PSOE e do BNG e co voto en contra do PP.
A Corporación aprobou esta mañá unha moción socialista que urxía á Xunta a apoiar o aeroporto de Vigo, rexeitando as propostas interesadas de limitar o uso desta terminal. Cos votos favorables do PSOE e do BNG e o voto en contra do PP, saíu adiante unha proposta que insta á Xunta e á Deputación a aprobar créditos orzamentarios concretos para a promoción turística de Vigo con compañías aéreas. Esta acción deberá estar vinculada ao establecemento de conectividade aérea directa coa terminal viguesa e seguindo o procedemento legal establecido en materia de contratos.
Sanidade
Outro dos asuntos que se abordou ao longo da sesión plenaria desta mañá foi a situación da sanidade en Vigo. Os concelleiros socialistas e nacionalistas acordaron esixir á Xunta que garanta unha planificación sanitaria baseada en criterios de equidade, proximidade, eficiencia e calidade asistencial, dotando ao Complexo Universitario de Vigo (CHUVI) dos medios necesarios para desenvolver a capacidade real da área de cirurxía cardíaca, hemodinámica e radioterapia.
O texto, que contou co abstención do PP, instaba á recuperación para o CHUVI da realización das cirurxías cardíacas, atención de hemodinámica e radioterapia e radioterapia correspondentes á Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés.