O Concello aproba as bases das axudas á contratación cunha partida de 235.000 euros
O alcalde explicou que “con esta convocatoria axudamos a autónomos e empresas para favorecer a contratación en diferentes modalidades”.
As bases e a convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia. O Goberno local inviste 235.000 para mellorar as condicións dos traballadores. As axudas están destinadas a autónomos, empresas, comunidades de bens, e sociedades civís, cooperativas e laborais, que poderán acollerse ás distintas modalidades.
Unha delas para o programa de indefinidos, que segundo informou o rexedor é para incentivar a transformación dos contratos temporais en indefinidos. Outro dos eidos e o programa de contratacións, para dar traballo a persoas en situación de desemprego. A terceira modalidade é o plan mellora, para garantir a estabilidade laboral xa sexa co incremento da xornada laboral ou o cambio de contrato de fixo descontinuo a indefinido.
“Queremos reforzar e apoiar o emprego e mellorar as condicións laborais das e dos traballadores”, concluíu Caballero.