Escoitar

The Way Startup Summit reforza o seu salto internacional con 200 investidores e Uruguai como país invitado

O maior evento de emprendemento do Noroeste celebrarase os días 6, 7 e 8 de maio e incluirá o Investors Tour para conectar a investidores co ecosistema galego e o principal Foro de Investimento do territorio.

luns, 27 abr 2026

The Way Startup Summit celebrará unha nova edición consolidado como un dos principais encontros do ecosistema emprendedor en España. O evento reunirá en Vigo a máis de 50 startups e 200 inversores nacionais e internacionais, nunha cita que volverá situar a Galicia no mapa da innovación e o investimento.

A presentación celebrouse este luns na Zona Franca, na que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, chamou a atención sobre o crecemento e consolidación do evento desde as súas orixes hai quince anos. “O éxito dun proxecto mídese nas expectativas que xera e The Way xa ten lista de espera de empresas e proxectos que queren estar aí, que queren participar. Iso é a economía tamén, expectativas. Adiantarse, identificar aqueles elementos neurálxicos que xeran crecemento en Galicia, compartir procesos e cooperar. Iso é o futuro e xa estamos vivindo nel”, afirmou.

O evento despregará un programa de contidos simultáneos en tres grandes áreas: emprendemento, innovación e investimento. Na área de emprendemento, os asistentes poderán acceder a casos de éxito, workshops e sesións prácticas con axentes clave do sector. A IA terá un papel protagonista, cun enfoque especialmente práctico orientado á súa aplicación real en startups e negocios emerxentes.

David Regades puxo en valor que o CZFV patrocine un ano máis a Sala de Innovación no Palacio da Oliva onde “se falará dos novos retos en mobilidade, servizos, ou saúde” e destacou que “por primeira vez se incorpore o ámbito da Seguridade e a Defensa, un sector en alza, marcado pola innovación e que agora mesmo é estratéxico dada a situación xeopolítica no mundo”. O delegado do Estado animou ás e aos emprendedores “a contar coa Zona Franca para crecer e desenvolverse como fixeron centos de empresas que, en moitos casos, son agora referentes nos seus sectores”. Regades destacou unha vez máis “a importancia da colaboración público-privada” e describiu a The Way “como un exemplo da economía real da Eurorrexión”.

Pola súa banda, Lalo García, director do evento, explicou que o congreso se desenvolverá ao longo de tres xornadas (6, 7 e 8 de maio), arrincando cun Investors Tour exclusivo no que os investidores poderán coñecer de primeira man o tecido empresarial galego e achegarse a proxectos con alto potencial. Nesta edición, o percorrido terá lugar na provincia de Ourense e poñerá o foco en scaleups vinculadas ao territorio, reforzando a conexión entre innovación e desenvolvemento económico local.

O bloque de innovación abordará as principais tendencias que marcarán o futuro de sectores estratéxicos como a saúde, a mobilidade, o téxtil ou a alimentación, incorporando ademais como novidade o ámbito da defensa. Pola súa banda, a área de investimento reunirá a máis de 200 investidores no que se consolidou como o principal Foro de Investimento en startups do noroeste peninsular. Ademais, o congreso será o escenario para a presentación de tres novos fondos galegos. Endeavor protagonizará un dos side events máis destacados para fundadores de scaleups.

Como novidade, The Way Startup Summit contará con Uruguai como país invitado, reforzando así a dimensión internacional do evento. No marco do congreso farase entrega do Premio ao Emprendedor do Ano, e os premios á startup seed e á scale up 2026. Espérase que máis de 1.000 asistentes participen nesta edición.

As persoas interesadas en asistir a este congreso teñen tamén á súa disposición un acceso directo á obtención de acreditacións a través da páxina web do evento. A asistencia é totalmente gratuíta tanto de forma en liña como presencial, aínda que require inscrición previa.

Descargar todas as imaxes