Escoitar

Vigo terá vivenda de alugueiro a prezo accesible cun novo programa de Zona Franca

O Pleno do Consorcio aprobará este martes unha oferta pública do dereito de superficie das dúas parcelas que ten en Alcalde Portanet para que as xestoras interesadas poidan concorrer á construción de entre 70 e 90 vivendas.

luns, 27 abr 2026

Abel Caballero, sinalou que "a iniciativa de Zona Franca súmase aos programas do Concello para facer fronte ao gravísimo problema de falta de vivenda a prezo taxado que padece Vigo porque a Xunta de Galicia, nos últimos 18 anos, non construíu nin un só piso de alugueiro na cidade. Hai que atender a elevada demanda que hai de pisos de alugueiro a prezo taxado e esa ten que ser unha prioridade. É a Xunta a que ten a competencia e a que recibe o diñeiro do Goberno de España, pero o certo é que somos o Concello e a Zona Franca os que estamos construíndo pisos de alugueiro a prezo taxado, resolvendo un problema que a Xunta non quere solucionar”.

O delegado do Estado no CZFV, David Regades, explicou que a Zona Franca leva meses traballando nesta iniciativa “cunha fórmula que é revolucionaria e pioneira para unha administración, que suporá poñer vivenda de alugueiro a prezo accesible a disposición tamén das persoas traballadoras”. Así mesmo, o delegado fixo fincapé na captación de talento. “Se queremos ter os nosos parques empresariais cheos de empresas, con proxectos importantes, os traballadores/as deben ter un espazo no que poder vivir e poder desenvolverse”.

Este martes o pleno da entidade aprobará o expediente para a adxudicación do dereito de superficie das dúas parcelas das que dispón nos números 34, 38-40 e 42 da citada rúa co obxecto de construír entre 70 e 90 vivendas destinadas ao alugueiro de prezo taxado.

Zona Franca convértese así na primeira administración pública en utilizar esta fórmula mediante a cal dirixirá esta oferta a xestoras de todo o Estado, interesadas na construción de pisos, garaxes e anexos en ambos solares, coa condición de que sexan destinados ao alugueiro a prezo accesible e coa obriga de que se dediquen a domicilio habitual e permanente.

O Consorcio aposta por este proxecto que suporá a posta no mercado de máis oferta residencial a prezo accesible, facilitará o acceso á vivenda a persoas que traballan, e posibilitará con este aumento de vivenda digna o atractivo de Vigo para a atracción de talento conseguindo con iso contribuír ao fomento da economía.

Tras a aprobación do expediente polo Comité Executivo e o Pleno do Consorcio, que se celebrará ás 18.00 h deste martes, a Zona Franca de Vigo sacará a concurso aberto esta adxudicación do dereito de superficie das dúas parcelas, no que priorizará entre outros criterios a valoración da proposta arquitectónica, a eficiencia enerxética e as estratexias de sustentabilidade, o plan de mantemento e a viabilidade económica e financeira, ademais da oferta económica.

Descargar todas as imaxes